in

Desconexión

|
Estrea "Desconexión"

Dualismos únicos

| Roi Vidal Ponte |

 

|
Foto: Juan Silva

 

A dramaturxia galega actual é, parafraseando a Anxo Rei Ballesteros, traxicamente contemporánea. Os seus temas son os de sempre e os de xalundes, pero agora e aquí. O universal visto desde a óptica particular. Óptica que ten en Santiago Cortegoso unha das súas lentes máis diáfanas. A súa poética é a que máis se aproxima a unha realidade que, como nas Criaturas de Vidal Bolaño, é máis monstruosa que a dos monstros de ficción.

Publicidade

O que pasa é que Cortegoso semella xogar mellor coa herba curta dos diálogos fluídos que na terra lamacenta dos monólogos. Algo que a todos nos pasa. Acostumado aos dualismos, en Desconexión fai un exercicio de desdobramento ao crear un personaxe con dobre personalidade sacado das iconas peonís dun semáforo. Ese monifate que intermitentemente e durante toda a súa existencia lumínica vacila sen descanso entre o vermello e o verde, entre o negativo e o positivo, entre a bronca e a amabilidade, o insulto e a axuda é teatralmente humanizado nunha moi atractiva idea de partida.

O que pasa é que cando o personaxe logra a anunciada desconexión e entra no mundo real con carne e osos pódelle máis un lado que o outro e perde boa parte dese diálogo interior que o caracterizaba. A vida é unha sucesión de momentos importantes que el, alleo ante o humano como o monstro de Mary Shelley, encaixa con máis noxo que comprensión, con máis violencia que relax. Nin sequera a versión feminina do mesmo personaxe que aparece mediada a función é quen de presentar o interese que a idea inicial podería apuntar, porque ao final a cousa volve a un sitio moi parecido a aquel no que estivo todo o tempo.

Se a comedia funciona é pola facilidade que ten Cortegoso para cravar o cristal na fenda da ferida e provocar sorrisos acedos e sarcásticos nos que abunda unha visión tan persoal como cáustica da actualidade social. Unha distorsión esaxerada moito máis veraz que a obxectividade neutra dos informativos que está, xa que logo, moito máis cerca do meme que do twit.

O actor encargado de lle dar vida ao monifate leva a cabo un notable esforzo interpretativo, tanto nos momentos de desdobramento obrigado dentro do semáforo, nos que a mudanza brusca de rexistro presenta unha dificultade rítmica esixente, como nas escenas logo da saída, onde a rabia interior do personaxe é solventada con fatigosa verborrea. Con todo, é nos momentos máis calmos onde o actor, ao parecer obrigado pola dirección a manter un ritmo incesantemente brusco, ofrece a súa mellor cara e onde a súa voz se amosa máis orgánica. Tampouco lle axuda nada, todo sexa dito, o incómodo armatoste que ten que mover para os pertinentes cambios escenográficos. Un elemento que está ben aproveitado desde o punto de vista práctico pero que nada achega desde o punto de vista estético.

O que pasa, avanza; e o que non pasa, xa pasou. E Desconexión pasa porque pode ser vista, en todo caso, como un exemplo máis, porén non o mellor, desa estética radicalmente autocrítica do seu autor: ese costumismo contemporáneo non moi afastado do esperpento, pero escrito na verdadeira lingua do país.

 

Desconexión de Xurxo Cortazar
Dramaturxia e dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: Xurxo Cortázar (en escena); Santiago Cortegoso e Marián Bañobre (voces en off)
Iluminación e son: Dani Abalo
Escenografía, vídeo e fotografía: Juan Silva
Deseño gráfico: Juli Molares
Texto orixinal e produción: Xurxo Cortázar
Produción asociada e distribución: Crémilo – Carlos Martínez Carbonell

Salón Teatro, Santiago de Compostela. 11 de febreiro de 2017.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

thisisconcrete |

This is concrete

speaklowif |

Speak low if you speak love