Cerimonia de ofertorio
| Afonso Becerra de Becerreá |
A exforma nomea non só un espectáculo de danza teatro de Javier Martín, senón tamén unha vontade de poñer en crise o concepto “forma” no que se asentan as artes. A idea clásica do teatro, incluso do ballet, privilexia o dualismo forma – contido, forma – significado, do mesmo xeito que a relixión católica pode fincarse no dualismo corpo – espírito. Porén, o teatro e a danza contemporánea poñen o seu foco na forma e é desde ela que se poden desprender as ideas, os significados. A forma, nas súas dimensións visibles e audibles, no teatro, ás veces tamén táctiles e olfactivas, nunca se supedita ás ideas ou aos significados senón que actúa por si mesma.
A exforma de Javier Martín amósasenos desde unha perspectiva moi persoal que parece prescindir das tendencias espectaculares en boga. A Martín gústalle afondar nas posibilidades artísticas que o pensamento científico e a teoría de disciplinas non especificamente artísticas pode fornecer. El mesmo se define como “performer”, coreógrafo e investigador: “Desenvolvo un proxecto de investigación de corte epistemolóxico en torno ás artes do movemento que atopa as súas fugas na creación de discurso e aplicacións do mesmo, a escrita, o desenvolvemento de seminarios transdisciplinares de corte práctico, conferencias performativas, procesos de obras acompañados de obradoiros do espectador, a activación e desenvolvemento de grupos de investigación, e, como motor e causa de todo, a creación de espectáculos.” Isto que describe na súa propia páxina web pode darnos unha idea do seu traballo.
A exforma non é un espectáculo pechado, nin máis críptico que outros espectáculos de danza teatro, porén resulta case imposible poder asistir a el nos palcos dos teatros de Galiza. Estreouse no teatro Colón da Coruña o 23 de setembro de 2016 e a súa segunda función nun palco dun edificio teatral foi o 29 de abril no Theatro Circo de Braga (Portugal), dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional da Danza. Nesta función, na súa estrea en Portugal, foi onde eu puiden ver a peza.
O feito de que espectáculos non canónicos nin convencionais, como A exforma de Javier Martín, non se programen nos teatros, vén a constatar que os escenarios dos teatros non son espazos que comunguen coa liberdade inherente ao exercicio artístico, o cal implica que os teatros, en xeral, non son espazos interesados na arte, senón, quizais, máis ben, nos “produtos” facilmente consumibles, vendibles e rendibles, desde as perspectivas que o mercado global nos marca.
Pero volvendo á análise parcial da peza, A exforma non está pechada porque traballa desde a improvisación dancística, puntuada por algunhas accións teatrais con obxectos de alta densidade iconográfica e tamén simbólica. Exvotos de cera de diferentes órganos do corpo humano, tamén de figuras antropomórficas, capuchón de penitente, banda vermella cruzada como insignia, candeas, péndulo-botafumeiro, etc.
A exforma non é unha peza pechada porque a acción lumínica de Octavio Mas ten o mesmo peso na composición en proceso, danzando con Javier Martín, que o propio movemento (extra)coreográfico e que as accións teatrais encriptadas no mesmo.
O movemento corporal de Javier Martín, desde a perspectiva da danza contemporánea, xoga cun vocabulario e cunha fraseoloxía moi reducidos e limitados, para ficar nun estilo minimalista, a base de repeticións e variacións case obsesivas, que parecen contestar e desbotar a idea de coreografía e mesmo de danza. Asemade, ese movemento corporal, adquire unha entidade bastante sólida e linear incluso, constituindo un círculo que se sae de moitos dos parámetros desde os que se adoita crear ou percibir a danza teatro e mesmo a performance.
Ese círculo do movemento, que semella obsesivo, correspóndese co círculo de sal, ou de algo parecido á sal, que está debuxado sobre o linóleo negro do chan. Correspóndese co círculo da esfera que circula en círculo tamén, a xeito de botafumeiro pendular, por riba do enorme círculo de sal do chan. Correspóndese tamén co tanxer, obsesivo e arroutado, de Oleg Karavaichuk no piano de cola, que soa como as campás dunha catedral buscando a exforma de temas musicais recoñecibles e, tamén, improvisados.
Performance, instalación plástica con xeometrías de sal, moreas de exvotos de cera, botafumeiro pendular, cabeza de cera servida en bandexa, pobo de exvotos sobre os que a figura alegórica de Martín, co capuchón, a luva negra, e a banda vermella, executará un golpe de bastón que varrerá cabezas, rosario de movementos que escapan do coreográfico (da forma), incienso que se queima e perfuma o aire, distorsións sonoras e monumentalidade musical, entre luces de rosetón catedralicio… acaban por conformar unha especie de cerimonia de ofertorio.
Velaí outra posibilidade para a danza teatro: unha cerimonia de ofertorio que se consagra polo xeito de actuala.
La exforma
Creación, escenografía, textos, son e bailarín: Javier Martín
Luz: Octavio Mas
Música: Oleg Karavaichuk
Distribución e comunicación: Sabela Mendoza
Residencia de investigación anual: Teatro Colón da Coruña.
Residencia de investigación permanente: Museo Universidade de Navarra, Pamplona.
Theatro Circo de Braga, 29 de abril de 2017.