A mentira sempre volve
| Roi Vidal Ponte |
Da emigración como gran tema da galeguidade hai moito escrito e moito por escribir. Sería para a cultura galega o que a Guerra Civil é para a española: ese cliché sociocultural que sempre volve, tanto na imaxinería colectiva como nas tendencias socioeconómicas que a converten en algo presente e real. No teatro, xa a compañía Artesa & Cía se achegou á pescuda sobre un pasado familiar indiano en Balor, e non son poucos os paralelismos entre a concepción escénica de Roi Fernández nesta proposta e a de Borja Fernández (o do apelido é pura casualidade) en Salvador.
Os paralelismos comezan pola presenza interactiva do apartado audiovisual. Tanto alí como aquí, o vídeo e os audios de conversas reais serven para estruturar unha peza de teatro documento en cuxa estética se albisca a herdanza de Erwin Piscator. Aínda que nestas propostas a compoñente política non sexa tan forte como no teatro do creador alemán, o feito de que estes dous novos directores se interesen pola emigración dos seus propios antepasados lle outorga á súa visión unha perspectiva interxeracional e antropolóxica que lles serve, asemade, para facer introspección a través da experimentación de recursos puramente teatrais.
En Salvador, con todo, a emigración déixalle espazo a outro grande tema que se vai apropiando da representación co paso dos minutos: a relación maleable entre a verdade e a mentira, ou se se quere, entre a realidade e a ficción. O uso de fragmentos de filmes antigos para ilustrar a vida oculta do seu avó, sérvelle a Borja Fernández para presentar ese xogo cando lle dobra as voces aos actores italianos sen que o que el di se corresponda co que din as voces orixinais, nun xogo de reapropiación por terxiversación que consegue a complicidade cómica co espectador e que, de paso, nós dá idea de até que punto esta non vai ser unha obra máis sobre a emigración, senón máis ben unha indagación sobre a mentira e a verdade.
É polo medio da función que aparece unha nova ruptura que tamén ten que ver coa linguaxe escénica como mentira verdadeira. Borja fai un aparte para nos explicar a importancia que no proceso de investigación sobre a marcha do seu avó ao Brasil tivo para el a figura xeométrica do triángulo. Dominado por ese delirio de relación co que a psicoloxía deu en chamar a esa sensación de ver coincidencias por todas partes e á crenza de que as casualidades teñen que responder a unha especie de lei superior, Fernández confésanos que non foi quen de descartar o uso do triángulo como figura mediante a que estruturar o seu espectáculo, e proba diso é o feito de que ao final non o fixese pero si lle deixase un oco a ese aparte no que nos traslada unha paranoia máis real que ficticia: co triángulo o tema desprázase da emigración a algo máis intanxible relacionado co afán por coñecer a verdade e as obsesións que esa procura é quen de enxendrar.
Nestes tempos de posverdade, a presenza constante do actor falando de si mesmo e renunciando á interpretación, así como a comunicación directa co público liberada da convención posdramática da parede rota e os nomes de pila reais, fan que poidamos falar nesta proposta de certos elementos propios do teatro postespectacular teorizado por André Eiermann, pois o feito de que Fernández (salvo un par de cancións impecablemente interpretadas con cadanseu videoclip elaborado en directo mediante a xustaposición de obxectos reais e efectos dixitais) estea continuamente expoñendo e explicando a súa pescuda familiar real abre un oco nun espazo intermedio entre actor e espectador que supera os preceptos estéticos do teatro posdramático.
Así as cousas, Salvador pode verse como un paso adiante na propia indagación que o teatro galego está a facer das posibilidades que a propia realidade ofrece como material escénico, nun proceso de experimentación a partir do teatro documento que o Grupo Chévere e unha serie de iniciativas acollidas baixo o paraugas do proxecto Berberecheira (véxase tamén Goldi Livre) veñen facendo nos últimos anos/meses, iniciativas que foxen da creación autorial autónoma e dos corsés da ficción para expoñer realidades e verdades a través das mentiras da arte e do teatro.
Salvador de Borja Fernández
Dirección: Borja Fernández
Adaptación: Manolo Cortés
Escenografía: Borja Fernández, Laura Iturralde, Uxía P. Vaello
Deseño son: Borja Fernández
Deseño iluminación: Laura Iturralde
Vestiario: Uxía P. Vaello
Música: Borja Fernández
Coreografía: Uxía P. Vaello
Colaborador artístico: Diego Anido
Teatro Ensalle, Vigo. 4 de xuño de 2017.