in

Notas dende Galicia Escena Pro 2017: día 2

normassarabela2 |

Darlle corpo á realidade

| Manuel Xestoso |

 

normassarabela2 |

 

O normal é que as cousas non sexan como son, senón como se contan. Repítese moito aquilo de que a Historia a escriben os vencedores, pero non se di tanto quen son os que deixan de escribir a Historia do que vai acontecendo día a día, o presente. Durante os últimos cinco mil anos, as mulleres perderon case todas as batallas e case ninguén se decatou porque non era habitual que nos fixásemos en que elas nunca elaboraban o relato desa guerra. As cousas tardan moito en poder ser cambiadas, pero xa van sendo contadas doutra maneira, e iso é un inicio.

A noiva de Don Quixote de Eme2 e Ulises e a nena durmida de Ánxela Blanco teñen en común a intención de facer un relato alternativo dalgunhas desas cousas que nos contan sen que teñamos a opción de velas dende outra perspectiva. Na primeira, Mercedes Castro reivindica a carnalidade de Aldonza Lorenzo fronte a unha Dulcinea del Toboso que representa esa fantasía masculina dunha muller ideal e intocable cuxa submisión vai na conta da idealización en cores pastel. Na segunda, Ánxela Blanco reclama unha outra visión de Circe ou Penélope que teña en conta que os desexos conforman identidades sexuais moi difíciles de encerrar entre as opcións dun formulario.


Publicidade

Ambas falan, en realidade, de corpos. O teatro é a única arte onde o corpo non se representa, senón onde se presenta: a única arte que esixe a comparecencia do corpo para existir. E talvez por iso é a tribuna máis axeitada para mostrar que tamén dende o corpo se poden subverter as rutinas que impiden a emancipación. En Galicia Escena Pro, vai quedando clara esta tendencia a escribir a Historia dende outros presupostos. Dende outras formas de ver os corpos.

Da domesticación dos corpos tamén fala, doutro xeito, Normas para saber vivir na sociedade actual. Partindo dun manual de “boas maneiras” do século XIX, o texto de Jean Luc Lagarce desvela as perversas mecánicas que se agochan detrás da ritualización das relacións persoais, da falta de franqueza que se nos impón dende unha represión dos sentimentos que acaba por coutar o desenvolvemento persoal e, daquela, por crear corpos faltos de vontade e dispostos a aceptar calquera consigna procedente do poder. Normas para saber vivir na sociedade actual constitúe, seguramente, a primeira sorpresa da Feira e demostra que xa antes da invención do cyborg se podían manexar os corpos dende o exterior.

Que os corpos concorran no escenario significa que hai vida, ás veces intelixente. Que os espectadores enchan o teatro para descifrar o que nos queren dicir, pode significar que hai materia para darlle corpo a unha nova interpretación da realidade. A condición, claro, de permanecer atentos e non xogar ao Candy Crush ás agachadas.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

tropical1 |

Notas dende Galicia Escena Pro 2017: día 1

pumpum |

Notas dende Galicia Escena Pro 2017: día 3