in

Non pasarán

Xa nin o discurso explícito funciona

Non pasarán, de Ártika Cia. Imaxe de Vanessa Rábade.
'Non pasarán', de Ártika Cia. Imaxe de Vanessa Rábade.

Teño contas en diferentes redes sociais, incluíndo Instagram e X (antes chamada Twitter). Os donos destas redes estaban sentados na investidura de Donald Trump en primeirísima fila, até foron uns dos principais financiadores da súa campaña. O dono de X, tamén dono de Tesla e varias empresas máis, deu un discurso nesa mesma investidura que rematou con ese clásico saúdo romano do que ao parecer non está claro o referente. Repito: o home máis rico do mundo, que financiou a campaña do actual presidente da maior potencia mundial, fixo o saúdo nazi na investidura deste e dubidamos que sexa nazi.

Esta é a principal idea que está detrás da última obra da compañía Ártika. Temos contas nas súas plataformas e trafican cos nosos datos, porque llelos regalamos. Ese señor presidente tan pronto foi investido, no mesmo día, asinou unha serie de ordes presidenciais propias dunha ditadura fascista combinada co ultracapitalismo neoliberal, iso que podemos chamar neofascismo. Con todo, hai xente negando que actualmente nos Estados Unidos haxa un réxime neofascista. Hai xente negando que o saúdo de Elon Musk sexa o saúdo nazi.

Nos últimos anos, o uso do galego descendeu significativamente entre a xuventude, e bastante rápido, de feito. Hai unha década, cando estaba no último ano do instituto aínda eran anecdótiques es alumnes que empregaban habitualmente o castelán. Hoxe, falando cun profesor, dime que o castelán xa é a lingua maioritaria nese mesmo instituto. Mais non é simplemente a lingua e o españolismo, porque ouvín tamén de varies profesoris de instituto que aumentaran entre o alumnado as ideas machistas, LGBTfóbicas ou racistas. Vai todo ligado, aínda que parezan cousas diferentes. Semella que a extrema dereita está de moda entre a mocidade. Se callar, isto garda relación con que estean expostes a discursos neofascistas a todas as horas a través das redes sociais, promovidos por quen manexa estas redes.

Cando lin a sinopse de Non pasarán, sinceramente, a primeira reacción que tiven foi de rexeitamento, porque era moi explícita. Non nos estaba falando do argumento da obra en si, senón do discurso político que estaba por detrás. Isto condiciona a nosa interpretación e fai que cando vemos a obra identifiquemos os «incendiarios» cos «fascistas» dende o comezo, sen darnos a oportunidade ao público de establecermos esta analoxía por nós mesmes. Agora, logo de ver a obra, creo que esta forma de presentala, pondo sobre a mesa a macroestrutura semántica sobre a que xira a peza, avisando o público xa cando adquire o billete na web, é coherente coa propia obra. Xa non só na sinopse, o aviso está tamén no título, o berro antifascista clásico.


Publicidade

Dende o propio neofascismo levan anos avisándonos do que van facer ao chegaren ao poder e seguímoslles abrindo as portas da casa. As grandes empresas tecnolóxicas coma Google, Amazon ou Meta son chave no auxe desta ideoloxía mais todes usamos produtos seus no noso día a día. Parece que somos incapaces de non usalos, de non alimentar o monstro, de non sermos conscientes das consecuencias directas de meter estas compañías nas nosas casas. Na casa na que ten lugar a acción está omnipresente Alexa, produto de Amazon.

Cándido, magnificamente interpretado, expulsa unha muller da súa casa, que estará logo presente escenograficamente até a explosión final, simplemente por non poder pagar o alugueiro. A explotación rentista, ao igual ca esas compañías tecnolóxicas, favorecen o auxe do monstro, mais neste caso de forma máis explícita, porque me nego a pensar que non é unha acción consciente. Ana benefíciase desas rendas, por moi antifascista que sexa. Ela axúdalle a prender a mecha a seu pai. Eles prenden a mecha por seguir a inercia do poder. Un poder que lle fixo crer a Cándido que a súa inimiga é a muller que non lle paga o alugueiro, as persoas inmigrantes ou as feministas. O señor Pérez e a señora Gómez son só o produto dunha sociedade durmida que esqueceu o ocorrido hai case un século.

Non pasarán, de Ártika Cía.

Elenco: Marcos Alonso, Rocío Salgado, Fernanda Barrio e Martín Maez
Dirección: Tito Asorey
Asistencia de dirección: Anxo Fernández
Dramaturxia: Vanesa Sotelo e Tito Asorey
Deseño escenográfico e vestiario: Carlos Alonso
Deseño de iluminación: Laura Iturralde
Deseño de espazo sonoro: Xavi Bértolo
Voz en off: Melania Cruz
Produción: Anxo Fernández
Deseño gráfico: Patricia Portela (The Office Comunicación)
Fotografía: Vanessa Rábade (The Office Comunicación)
Contidos: Lucía Martínez (The Office Comunicación)
Videos promocionais: Jairo Iglesias

Sala Ártika. Vigo, 2 de febreiro de 2025.

ê Ariel Q. Sesar

ê Ariel Q. Sesar

Ê Ariel Q. Sesar (esse "ê" é um artigo), pessoa de género incerto. Frequentei as aulas de Dramaturgia na ESADg, embora nunca chegasse a rematar os estudos. Logo graduei-me em Ciências da Linguagem na UVigo e estou a cursar o Mestrado em Lingüística Aplicada na mesma universidade. Escrevo dende a dissidência. Identifico-me e defino-me como dissidente na arte, na língua, no género e na vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xurado do XXIV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva. Concello de Padrón.

Lidia Veiga é a gañadora do XXIV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva

Alleo - Colectivo Glovo

Galicia Escena PRO acepta propostas para participar na súa 12ª edición