O día 30 estréase un documental sobre a súa traxectoria no Teatro Colón
Teatro do Noroeste rematará no Teatro Colón, os día 29 e 30 deste mes, os actos de conmemoración do seu trixésimo aniversario. O día 29, ás 12:00, inaugurase a exposición “Teatro do Noroeste, 2017: Trinta anos actuando”, que xa se puido ver en diversas localidades galegas ao longo do ano. Ese mesmo día, ás 20:30, terá lugar a representación de Estado de gracia, unha obra da que se poderá gozar de balde previa retirada da entrada na billeteira.
O día 30, ás 11:00, haberá unha mesa redonda sobre “As artes escénicas na encrucillada: pasado, presente e futuro do teatro galego” na que participarán a actriz Viqui Pérez, Inma López Silva (profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia), Belén Pichel (produtora e presidenta da asociación de compañías Escena Galega), Imma António (actriz, escritora e presidenta da Academia Galega de Teatro) e Luma Gómez, actriz fundadora da compañía Teatro do Noroeste.
Para rematar o programa, ás 21:00, estréase a longametraxe documental 30 anos actuando: que nos quiten o bailado!, dirixida por Eva Alonso e producida por Chiripa.
Teatro do Noroeste
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada no 1987. Na súa dilatada traxectoria, que agora cumpre 30 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estes pódense salientar desde textos clásicos como: Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro de Caron de Beaumarchais, até textos máis contemporáneos como Os Xustos de Albert Camús, ou de autores galegos como Historias Peregrinas ou A grande noite de Fiz de Miguel Anxo Murado e Unha rosa é unha rosa de Suso de Toro, así coma o musical, Imperial: Café cantante. Vigo 1936 de Eduardo Alonso, entre moitos outros.
A alma de Teatro do Noroeste son Luma Gómez e Eduardo Alonso. Luma Gómez é unha actriz cunha longa e prolífica carreira profesional. Traballou en diversas compañías de teatro, así como en diversas montaxes do Centro Dramático Galego en papeis protagonistas. Fixo importantes papeis cinematográficos con produtores do Estado e de Galicia. É actriz habitual en programas e series da TVG.
Eduardo Alonso posúe unha das máis amplas e frutíferas traxectorias dentro do teatro profesional. Dirixiu máis de 40 espectáculos na súa xa dilatada carreira. É coautor de importantes versións teatrais como O enfermo imaxinario ou Medea publicadas por Edicións Xerais. E é autor de diversos textos, postos en escena por Teatro do Noroeste. Foi o primeiro director do Centro Dramático Galego e en 1985 foi nomeado polo Ministerio de Cultura, membro do Consejo Nacional de Teatro, por designación directa. Un espectáculo da súa dirección: As alegres casadas de W. Shakespeare, recibiu o premio “Compostela” ao mellor espectáculo teatral da temporada galega. Rei Lear de W. Shakespeare, versionada por Eduardo Alonso e Cándido Pazó, recibiu o premio “Compostela” á mellor versión teatral en lingua galega. En 2017 recibiu o Premio de Honra Marisa Soto da AAAG.