O xurado salientou a “construción dramatúrxica rigorosa e coherente” do texto Pallaso.
Fernando Castro Paredes resultou ser o gañador do Premio Varela Buxán de Teatro promovido polo Concello de A Estrada. O autor foi o escollido onte polo xurado, polo seu traballo Pallaso, presentado baixo o lema Óptimo Máximo.
O xurado –composto por Ana Carreira Varela, Santiago Cortegoso e Eduardo Alonso– decidiu adxudicar o premio á peza presentada por Castro Paredes, destacando a súa “construción dramatúrxica rigorosa e coherente” así como a súa “viabilidade escénica”. Tamén salientou “un humor negro e absurdo cargado de dramatismo e ironía” para mostrar e desmiuzar a realidade social.
Fernando Castro Paredes naceu en Tapia de Casariego, de xeito que se converte no primeiro autor non nacido en Galicia que gaña o Varela Buxán de Teatro. Traballa como profesor de linguas en Cee e é un dos coordinadores da compañía de teatro escolar Tuéjele Teatro. Recibiu tres accésits do Premio Añón de Poesía e foi o vencedor do Premio de Narrativa Historias na Universidade.
O Concello de A Estrada prevé entregar o galardón nun acto que se celebrará na capital estradense a finais do próximo xaneiro.