in

Unha nova montaxe de Valle centra a nova temporada do CDG

CDG2018b |
#camiños de ButacaZero, Arnoia, Arnoia de Pistacatro e Anarquismos de Pablo Fidalgo súmanse á xa estreada Elisa e Marcela de A Panadaría como coproducións da temporada 2017-2018

 

O Centro Dramático Galego (CDG), a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, presentou hoxe as actividades que asentan a súa temporada 2017-2018, coa estrea o 12 de abril da primeira versión en galego da obra de Valle-Inclán Divinas palabras, baixo a dirección de Xesús Ron, como fito principal do calendario.

Ademais, a colaboración coas compañías privadas segue a ser prioritaria a través de catro coproducións e dos programas Dramaturxente e En Residencia, así como do resto da carteleira de exhibición do Salón Teatro, a súa sede en Santiago de Compostela.

O CDG aposta por seguir incorporando os textos de Ramón María del Valle-Inclán ao repertorio teatral en galego, unha vez liberados os dereitos sobre a súa obra. A compañía pública afronta agora a posta en escena de Divinas palabras, unha das obras cumio do gran autor arousán, con dirección de Xesús Ron e con Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés como protagonistas, encabezando un elenco do que tamén formarán parte outros sete intérpretes elixidos no proceso de selección que a compañía pública mantén aberto nestes momentos.

Respecto ao resto das propostas que se desenvolverán durante esta temporada, o CDG reforza o seu programa de coproducións con catro montaxes xunto a outras tantas compañías galegas: #camiños (ButacaZero), escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida Xavier Castiñeira; o espectáculo de circo Arnoia, Arnoia (Pistacatro), con dirección de Quico Cadaval a partir do texto de Xosé Luís Méndez Ferrín; a creación de Pablo Fidalgo Anarquismos, con implicación doutras entidades culturais da península; e a xa estreada Elisa e Marcela, de A Panadaría.

Na mesma liña de colaboración directa coa escena galega, a compañía pública avanza noutros dous programas claves. Dunha banda, ao abeiro de Dramaturxente –iniciativa para o apoio, fomento e promoción da dramaturxia galega contemporánea– porase en marcha o grupo de traballo DramaturXA, que será dirixido por Manuel Lourenzo e para o que se seleccionarán dez autores e autoras co fin de reflexionar sobre a identidade galega e de escribir cadansúa peza teatral. De entre todas elas, elixiranse tres para seren levadas a escena conxuntamente como nova produción propia do CDG.


Publicidade

Outras das novas propostas que botarán a andar na temporada dentro deste programa son Teatrhoxe –un apartado do web do CDG no que se publicará, cada tres meses, unha reflexión escénica ou pequena peza teatral sobre o tema de actualidade que cada autor/a escolla, xunto cunha breve biografía e imaxe do/a autor/a correspondente–; Lanzadeira –unha convocatoria pública na que se seleccionarán 10 autoras/es para facer unha breve presentación e unha lectura aberta ao público xeral dun fragmento dun dos seus textos–; e o Taller de Dramaturxia –un obradoiro orientado especificamente ás dramaturgas e dramaturgos galegos.

Doutra banda, En Residencia continúa ofrecéndolles o Salón Teatro e a asistencia técnica do equipo do CDG a diferentes compañías galegas para ultimar ou perfeccionar as súas propostas, incluíndo as catro realizadas en coprodución. Polo seu escenario pasaron xa desde setembro Feira do Leste, Javier Martín, Anómico Teatro e Inversa Teatro e nos próximos meses farano Voadora con Garaxe e A Feroz con Afterparty.

O público poderá gozar de todas elas dentro do programa de exhibición do Salón Teatro, que acollerá igualmente dous novos títulos do ciclo Teatro Ob-Sceno para propostas en pequeno formato que se desenvolven fóra do escenario (Amor, de Helen Bertels, e Deixa de tocala, Sam, de Avelina Pérez), e as últimas achegas de Os Monicreques de Kukas, CAIR Compañía de Circo, Aporía Escénica e Xarope Tulú.

A actividade formativa e a edición de Divinas palabras dentro da colección O papel do teatro completan esta programación.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

stage |

Agadic abre a convocatoria de axudas á produción

Premios |

Convocados os premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde