A Mostra de Teatro Clásico de Lugo, ofrecer, na súa 18ª edición, un cartel con oito obras, dúas delas monólogos.
La comedia de las mentiras, de Plauto, dirixida por Pep Antón Gómez e Sergi Pormarmayer e con Pepón Nieto e María Barranco nos papeis principais, abrirá o 1 de febreiro a Mostra. O Auditorio Gustavo Freire mostrará unha obra na que a protagonista é a mentira, como recurso dramático para facer rir. Unha aloucada historia de enredos e mentiras arredor do amor, un “vodevil grecolatino” dirixido a todos os públicos.
O 4 de febreiro, tamén no Auditorio Gustavo Freire, presentarase La judía de Toledo de Lope de Vega, con dirección de Laila Ripoll, unha coprodución da Compañía Nacional de Teatro Clásico e Producciones Micomicón. Trátase dun “drama político onde os homes de poder se comportan de xeito recoñecible en moitas actitudes que podemos ver hoxe”.
O 15 de febreiro, Teatro do Atlántico levará Helena, xuízo a unha lurpia ao Gustavo Freire. A obra de Miguel del Arco, dirixida por Xulio Lago e interpretada por María Barcala, móstranos unha Helena que xa non é “a bela Helena”, senón unha muller con certos signos que nos falan do implacable paso do tempo; malia iso mantense posuidora dunha enerxía desbordante, habitando nunha especie de tobogán emocional transitado polos intensos episodios da súa travesía vital, na que se mesturan a dor da nena violada por Teseo coa dor da esposa obrigada por Menelao; a paixón da amante namorada do fermoso Paris, co desafío e o rancor para con Zeus, o seu divino pai; a ironía ao redor de moitos dos seus contemporáneos –Aquiles, Ulises–, coa impotencia diante da crueldade da guerra…
O 17 de febreiro, no Antigo Cárcere, eme2 presenta A noiva de Don Quixote, de Jose Luis Esteban, dirixida por José Carlos García e interpretada por Mercedes Castro. Unha obra na que Dulcinea del Toboso se dispón a atravesar o seu particular dó no que se rebela –con humor, con ironía, con emoción e con descrenza– contra a personaxe que Cervantes lle atribuíu na novela.
O 18 de febreiro, no Gustavo Freire, a Compañía Nacional de Teatro Clásico en coproducción con Ron Lalá presentarán Cervantina, un espectáculo sobre textos de Cervantes, unha nova aproximación de Ron Lalá ao universo creativo do maior autor das letras castelás. Unha homenaxe e un encontro coa arte lúcida, lúdica, hilarante e profundamente humana do autor do Quixote… entre outras obras mestras que urxe redescubrir.
O 24 de febreiro, será a quenda de El rufián dichoso de Miguel de Cervantes, dirixido por Rodrigo Arribas e Verónica Clausich. A obra é unha das oito comedias asinadas por Cervantes, e a súa única comedia de santos. Escrita entre 1605 e 1615, pertence á última etapa da obra do autor. As comedias de santos foron un xénero que narraba a vida dun santo real ou unha lenda coa intención de dar un exemplo moral, sendo encargadas en moitas ocasións polas autoridades, confrarías ou nobres devotos.
O 2 de marzo, Talía Teatro levará ao Auditorio Gustavo Freire O servidor de dous amos, de Goldoni, con dirección de Diego Rey e cun elenco formado por Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Dani Trillo. Segundo define a propia compañía, “así como a Commedia dell’Arte creaba unha paisaxe cómica e irreverente da sociedade italiana do momento, esta versión trata de construír un xoguete escénico onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son remprazados por empresarios e políticos, onde a vida mesma da nosa sociedade é retratada con irreverencia e descaro, buscando un espectáculo trepidante e deslinguado, tan mordaz coma divertido”.
O 3 de marzo, finalmente, Eco y Narciso de Calderón de la Barca, suma dos esforzos de Miseria y Hambre Producciones e GG Producción y Distribución Escénica que se unen para poñer en marcha un excepcional e case descoñecido texto de Calderón. Nesta comedia mitolóxica, Calderón rescribiu o mito de Ovidio dun xeito delicado. Tan sinxela e bela e, ao tempo, capaz de encerrar unha reflexión que transcende no tempo sobre o que somos e o que reflectimos ser. Unha obra festiva, alegre, unha caixa de música chea de brillo que amosa como a aparencia oculta a verdadeira esencia.
A maiores, terá lugar un encontro con Rodrigo Arribas, director da obra El Rufián Dichoso, o 23 de febreiro no auditorio do Vello Cárcere, e dúas intervencións na rúa, ao fondo da Praza Maior, ás 12:00 horas, a cargo de Espazo Artístico 10 e Os Palimoquiños. Interpretarán Quen ocupa esa cadeira? Atopémonos con Shakespeare.
As entradas poñeranse á venda o día 20 de xaneiro e custarán entre 8 e 10 euros, aínda que existen descontos e a posibilidade de adquirir un bono para seis representacións por 35 euros.
Foto: El rufián dichoso, de Miguel de Cervantes. | Placement Comunicación