in

Outras catro asociacións profesionais fan público o seu apoio a Carlos Santiago

Asociacións |
A seguir, reproducimos o comunicado de apoio a Carlos Santiago que veñen de facer público catro asociacións profesionais e que se suma aos manifestos da MITCF de Cangas e de DramaturGA publicados nos días anteriores. Carlos Santiago vén sendo obxecto dunha campaña de acoso tras unha información de El Correo Gallego na que se afirmaba que o pregón de antroido que deu o dramaturgo en Compostela “ofendía sentimentos relixiosos”.

 

Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG),  a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia(CREA) queren amosar a través deste comunicado o seu apoio, solidariedade e agarimo co actor, director e dramaturgo Carlos Santiago logo da polémica alentada dende certos sectores e medios con motivo do pregón do entroido de Compostela no que interpretou un dos seus personaxes máis coñecidos.

Nestes días estamos vivindo unha agresión directa e frontal ás liberdades fundamentais das creadoras e artistas, e do conxunto da nosa sociedade, por parte de algúns estamentos sociais que están a desembocar en toda clase de graves insultos e ameazas a este compañeiro e, por ende, a toda a profesión. Porén, rexeitamos firmemente esta situación de belixerancia coa interpretación e o contido da obra.

As asociacións asinantes ven nestes feitos un intento de vulnerar a liberdade de expresión así como o acoutamento do feito artístico. Cremos que esta polémica xerada de xeito artificial por intereses alleos á cultura e ao debate construtivo, persegue, por medio da deformación da lóxica e necesaria diferenciación entre ficción e realidade, fomentar a censura e a represión. É sorprendente que os ataques máis furiosos contra a liberdade de expresión veñan dende o sector no que esta debe ser o máis sagrado mandamento.

Asistimos nos últimos tempos a un revivir da represión e dos ataques dende determinados sectores contra o humor, a parodia ou calquera obra ou artista que saia dos camiños morais e estéticos que queren impoñen certas elites que só perseguen a eliminación da reflexión e a opinión, así como de calquera pensamento crítico, para apostar, máis unha vez, por reducir calquera forma de creación artística unicamente a simple entretemento cunha nula implicación social.


Publicidade

As asinantes afiánzase no seu compromiso de defender a liberdade de expresión e asemade aos integrantes dos colectivos artísticos comprometidos con ela, por riba de calquera outra apreciación que atinxa a cuestións como a súa estética ou calidade.

Por todo o exposto amosamos a nosa solidariedade con Carlos Santiago, condenamos a súa persecución mediática e esiximos respecto para os profesionais da interpretación no exercicio dos dereitos fundamentais de creación, expresión e pensamento.

En Santiago de Compostela, a 19 de febreiro de 2018.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OFidalgo011 |

‘O Fidalgo’ de San Luís Romero, por Rosalía Fernández Rial

pregonsantiago |

Os profesionais do circo e Escena Galega tamén se solidarizan con Carlos Santiago