O Festival Atlántica inaugura a súa programación en Santiago cunha ‘Noite de medo’ este martes, 13 marzo, no Abastos 2.0 Ghalpón [21 h, 6 €]. Nesta sesión, destinada ao público adulto, participarán artistas do festival e o Grupo de Narración Oral da Almáciga. As entradas pódense mercar en Galantiqua (10-13 h, Preguntoiro 9, 1º dereita), na Librería Couceiro (17:30-20 h, Praza de Cervantes) e tamén no lugar do espectáculo unha hora antes do comezo da función.
Nesta velada de historias desacougantes van intervir artistas como Maria Rouco, Vero Rilo, Laura Escuela, Maria Pereira Uzal, Carmen Conde e Sole Felloza, entre outros. A carón delas estarán os integrantes do Grupo de Narración da Almáciga, un colectivo que xurdiu dun proxecto que naceu no 2017 e que aspira a incorporar novas voces ao mundo dos contos.
O grupo ten a súa orixe no curso de narración oral ‘Ti xa tes moito que contar’ coordinado e impartido polo equipo de contacontos de Atlántica no Centro Xove da Almáciga. Esta formación, que xa vai pola súa segunda edición, articúlase en tres eixes: as ferramentas da narración oral, o proceso de creación dun universo narrativo e a narración do territorio. Todo dentro dun deseño metodolóxico práctico desta arte escénica.
O programa completo do Atlántica pódese consultar na web do Festival: http://festivalatlantica.com/.