A película de Jean Cocteau, que conta no elenco con María Casares, poderase ver de balde até completar o aforo ás 20.00 h. A proxección enmárcase dentro das actividades paralelas que a AAAG organiza pola gala dos Premios de Teatro María Casares.
O Centro Galego de Artes de Imaxe (CGAI) proxectará hoxe, véspera da gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, a película O testamento de Orfeo, célebre fita do director francés Jean Cocteau que conta no seu elenco coa actriz nacida na Coruña que lle dá nome aos premios de teatro organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A sesión, que terá lugar ás 20.00 h., será de balde e de entrada libre até completar as localidades da sala do CGAI (Rúa Durán Loriga, nº10. A Coruña). Esta proxección enmárcase dentro das actividades paralelas que no últimos anos a AAAG organiza para lembrar e homenaxear a María Casares, quen aceptou ceder o seu nome aos premios do teatro galego.
O testamento de Orfeo (Le testament d’Orphée, ou ne me demandez pas porquoi!) película dirixida por Jean Cocteau en 1960 e interpretada por Jean Cocteau, Françoise Arnoul, Claudine Auger, trata dun poeta que ve como se achega a hora da morte e decide facer balance da súa vida e da súa obra. Entre soños de inmortalidade e ansias de renacemento irá desfilando unha serie de surrealistas personaxes, nunha precisa análise das inspiracións, fobias e obsesións do artista.
A GALA
Os XXII Premios de Teatro María Casares, organizados anualmente dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, celebrarase este mércores 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña cunha gala conducida por Talía Teatro baixo a dirección de Artur Trillo, interpretada por Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Marta Lado, Marta Ríos, Diego Rey, Dani Trillo, María Ordoñez e Toño Casais e o acompañamento musical do Coro Encaixe. Durante a gala, Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra e Aldaolado lerán o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro