in

O CDG abre a súa sede ao público para festexar o Día Mundial do Teatro

CDG AGADIC
Fotografía do CDG

O Salón Teatro desenvolverá unha xornada de portas abertas o martes 27 de marzo con visitas guiadas gratuítas en cinco quendas.

 

O Centro Dramático Galego (CDG) festexará o Día Mundial do Teatro cunha xornada de portas abertas o martes 27 de marzo na súa sede en Santiago. A iniciativa amosaralle ao público o edificio do Salón Teatro e a súa historia, ao tempo que lles permitirá coñecer máis a fondo o día a día nos escenarios.

Están previstas cinco visitas ao longo do día: tres pola mañá (10,00 h., 11,30 h. e 13,00 h.) e dúas pola tarde (16,30 h., e 18,00 h.). Son gratuítas e están dirixidas a todos os públicos, só cómpre confirmar previamente a asistencia nos teléfonos 881 867 229 / 228 ou no enderezo electrónico [email protected] ata o 26 de marzo.


Publicidade

“Que tempos serán os que vivimos, que hai que defender o obvio”, cita do dramaturgo alemán Bertolt Brecht, serve este ano de lema condutor das visitas. O punto de encontro é o exterior do número 34 da rúa Nova, onde os asistentes terán oportunidade de comprender a evolución do edificio, dende a súa primeira reconstrución no 1919 como salón cinematográfico ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas a finais dos anos noventa do século pasado, que o levaron á súa recuperación como espazo escénico.

Ao longo da actividade, percorreranse estancias coma os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, e accederase a espazos máis técnicos do teatro. Ademais, os participantes das quendas nos horarios de tarde terán posibilidade de presenciar un momento dos ensaios da nova produción da compañía pública, Divinas Palabras Revolution, que se estreará o 12 de abril nese mesmo escenario baixo a dirección de Xesús Ron. De feito, as visitas concluirán na sala da biblioteca, onde se realizará un sorteo de cinco entradas dobres, unha entre cada quenda de participantes, para poder asistir a algunha das funcións do espectáculo en Compostela, onde está programado ata o 29 de abril.

O CDG ten previsto repetir a xornada de portas abertas o 17 de maio, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

cabezadragon6 |

Nada que perder, por Quico Cadaval

MITEU |

Nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense