in

Presentado o volume que recolle os textos gañadores do Premio Abrente 2016

todosobreeva4 |

Os actos de celebración do Día Mundial do Teatro acolleron a presentación das obras Fendas e Todo sobre Eva, coas que Ernesto Is e Xandra Táboas, respectivamente, se fixeron ex aequo, co Premio Abrente de Textos Teatrais 2016. O galardón, que se convoca cada ano no marco da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, chega en 2018 á súa décimo terceira edición cunha dotación de 3.500 euros e a publicación do traballo gañador na colección Abrente de textos teatrais da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

“O Premio Abrente é exemplo de compromiso coa cultura e lingua propias de Galicia”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou no acto xunto co rexedor ribadaviense, José Ignacio Gómez; e o director da MIT, Roberto Pascual.

 

Fendas e Todo sobre Eva

O xurado da XI edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, integrado por Marta Pérez, Iria Sobrado, Esther Carrodeguas, María López e Roberto Pascual, acordou en 2016 concederlles, ex aequo, o galardón aos textos Fendas, de Ernesto Is, e Todo sobre Eva, de Xandra Táboas.


Publicidade

O primeiro traballo fala sobre memoria histórica contrapoñendo o máis escuro do noso pasado co que acontece no noso presente e pon en evidencia que moitas cuestións pasadas aínda non están resoltas. En palabras do xurado, a peza “ten unha grande actualidade. Remite ao concepto da banalidade do mal formulado por Hannah Arendt, que expresa a xustificación dos feitos tráxicos sen querer asumir responsabilidades persoais e respondendo con exclusiva complicidade á autoridade”.

O segundo é, tamén en palabras do xurado “unha obra con temática urxente, necesaria e que deita luz sobre unha problemática global, a violencia simbólica sobre a condiciónn de ser muller e a violencia de xénero”. Trátase, ademais, dun texto “poético, con posibilidades moi abertas na súa escenificación. Un berro poético, social e escénico, que bebe da dramaturxia de Heiner Müller e da salmodia dos textos bíblicos”.

 

| Foto: Unha escena da posta en escena de Todo sobre Eva, na pasada edición da MIT Ribadavia. Rosiña Rojo / MIT Ribadavia |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Epidauro |

Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2018

INCENDIOS 2 3 |

O Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo celebra a súa novena edición