Antonio Durán ‘Morris’, María Vázquez, Xosé Barato, Mercedes Castro e Federico Pérez protagonizan esta montaxe da produtora teatral Emedous dirixida por Víctor Duplá.
| Foto: Lucía Estévez |
Este venres 6 terá lugar no Teatro Rosalía Castro da Coruña a estrea de A leituga, unha comedia dramática que reflexiona sobre as relacións familiares e o reparto dos coidados. A obra, que terá un segundo pase o sábado 7 dentro do Ciclo Principal, está dirixida por Víctor Duplá e protagonizada por Antonio Durán ‘Morris’, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato. Xunto a Paulo Rodríguez, director do Rosalía, todos eles participaron esta mañá na presentación da obra no hall do teatro coruñés. Fixérono arredor dunha mesa e compartindo unha torta de aniversario, recreando a atmosfera que terá a propia representación, ambientada na reunión familiar de tres irmáns e as parellas de dous deles para celebrar o aniversario dun pai en coma dende anos atrás.
Paulo Rodríguez destacou a “confianza” que ten no equipo artístico e técnico de A leituga pola “solvencia demostrada nas súas respectivas traxectorias” e declarouse orgulloso de que o Teatro Rosalía Castro, como “plataforma que se brinda aos creadores e creadoras do país”, poida acoller a Emedous tamén para unha breve residencia técnica antes da estrea. Asimesmo, agradeceu o apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios de cara á inclusión da obra na programación do teatro.
O director da obra, Víctor Duplá, definiu como “un luxo” o feito de poder, dez anos despois de ter coñecido o texto, estrear A leituga “no Rosalía e con estes actores”. Debullando o contido desta obra repleta de humor negro, explicou que “trata da resistencia ao cambio, das expectativas frustradas e da imposibilidade de ser felices” e identificou como tema principal o “reparto de responsabilidades”. É algo no que afondou Mercedes Castro, tamén produtora da obra, ao reivindicar o papel de coidadoras como a que ela interpreta: “A muller da familia é quen coida ao pai. É como se o levásemos no ADN, pero en realidade está implícito na nosa educación”.
O resto dos membros do elenco subliñaron o carácter universal dos conflitos tratados no texto: “Son situacións moi extremas pero nas que todo o mundo se ve reflexado porque trata da vida”, comentou Antonio Durán ‘Morris’, que tamén destacou a labor de Duplá na dirección ao facer traballar aos actores “dende un punto de vista íntimo, moi interno”. María Vázquez explicou que os diferentes roles presentes en A leituga permiten axudar a que a audiencia se recoñeza neles: “Se non estás no punto exacto de ter que coidar os pais, estás noutro punto co que identificarte cos personaxes”. Pola súa banda, Federico Pérez explicou o carácter cómico destas situacións dramáticas advertindo ao público: “Ides ver a vosa vida. Pero como xusto nese momento non é a vosa, podédesvos rir dela”. Xa por último, Xosé Barato quixo compartir a súa emoción ao pisar de novo as táboas do teatro coruñés: “hai vinte anos que estreei por primeira vez no Rosalía, e estando aquí acaba de entrarme un nervio marabilloso”.
Logo das representacións no Rosalía Castro o 7 e 8 de abril, A leituga comeza unha xira que pasará antes do verán por Oleiros (21 de abril), Narón (4 e 5 de maio) e Ourense (24 de maio). Xa no outono, acollerán a obra os escenarios de Vimianzo (6 de outubro), Vilagarcía (13 de outubro), Vigo (19 e 20 de outubro) e As Pontes (16 de novembro), ás que poderían sumarse novas datas porque a contratación segue aberta.