in

O CDG estrea ‘Divinas Palabras Revolution’

divinaspalabras |

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves 12, ás 21,00 h., no Salón Teatro de Santiago, Divinas Palabras Revolution, a súa nova produción propia. Na sede da compañía pública poderá verse ata o 29 de abril, con catro funcións semanais para público xeral e pases matinais para escolares, antes de iniciar unha xira de dous meses por outros oito escenarios galegos mais o Teatro Español de Madrid.

Xron, dirixe un espectáculo cuxo elenco está encabezado por Patricia de Lorenzo, no papel de Marigaila, e Manuel Cortés, no de Pedro Gailo. Completan o equipo actoral Antón Coucheiro (Sétimo Miau), Borja Fernández (Migueliño), Mónica García (Marica do Reino), Tone Martínez (Candás), Victoria Pérez (Tatoola), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano). Na versión que asinan Manuel Cortés e Xron, con dramaturxia deste último, estes personaxes son os concursantes dun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras 24 horas. Deste xeito, a ‘traxicomedia de aldea’, como subtitulou Valle a obra orixinal, convértese aquí en ‘traxicomedia de aldea global’.

O espazo audiovisual deseñado por Quadra Producións/Cuco Pino, coa asistencia técnica de Semi Soto, é pois peza indispensable na nova montaxe do Centro Dramático Galego, para a que Xron tamén contou no equipo artístico con Suso Montero (escenografía), Mar Fraga (vestiario), Fidel Vázquez (iluminación), Xacobe Martínez Antelo (música orixinal e espazo sonoro), Fanny Bello (caracterización), Iván Nespereira (deseño gráfico das tatuaxes), Rosa Moledo (asesoría lingüística a partir da tradución de Manuel Cortés), Arantza Villar (asistencia de dirección) e José Díaz (asistencia de produción). Xunto a eles, o equipo habitual da compañía da Xunta de Galicia encárgase dos diferentes aspectos técnicos da produción e da posta en escena.

A ambientación nun contexto actual non afecta o espírito crítico e inconformista co que o gran autor arousán concibiu esta obra hai cen anos. Así, o retablo da avaricia, a luxuria e a morte que Valle-Inclán construíu en Divinas palabras mantén a súa crueza nesta nova aproximación escénica, a primeira que se fai en idioma galego, para ofrecer –en palabras do seu director– “un retrato descarnado dun pobo inconsciente da súa ferocidade, un testemuño irascible da miseria moral da sociedade”.

Porén, non o fará a través dunha tradución directa da obra orixinal, senón asumindo a imposibilidade de atopar esa aldea valleinclanesca na actualidade como reflexo doutras moitas imposibilidades, como a de manter unha identidade propia nun mundo globalizado ou a de conservar o sagrado, a natureza virxe, a pureza e o misterio como símbolos de Galicia, tal e como foi retratada por Valle.

 


Publicidade

Funcións e horarios en Santiago

Divinas Palabras Revolution poderá verse ata finais de mes no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 16 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, día do espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os martes e mércores para alumnado a partir dos 15 anos de idade.

Ademais, nas tres funcións dos días 15, 22 e 29 de abril, o CDG pon en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta iniciativa –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected] ou chamar ao 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.

Divinas Palabras Revolution iniciará despois unha xira durante a que se exhibirá noutras oito localidades galegas (4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas), así como no Teatro Español de Madrid (do 17 ao 27 de maio). Alí representarase en galego, con sobretítulos en castelán, 85 anos despois da estrea da obra orixinal, que tivo lugar en 1933 nese mesmo espazo baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif, con escenografía de Castelao e con Margarita Xirgu como Mari-Gaila.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FelixFernandez |

Comeza na Coruña o ciclo TRC Danza 2018

Falandoabocachea2018 |

II edición do festival “Falando a boca chea” na Coruña