in

XIX Mostra de Teatro Universitario de Galicia

MostraTUniversitarioGz |

O Teatro Principal e a Sala Roberto Vidal Bolaño acubillarán a partir da vindeira semana a 19ª Mostra de Teatro Universitario de Galicia, unha cita de entrada libre que porá sobre as táboas nove representacións e que organiza a Aula de Teatro da USC co apoio da Deputación da Coruña.

A programación teatral comezará o martes 24 de abril no Teatro Principal da man da Compañía de Teatro USC-Lugo coa obra WK, unha dramaturxia de Paloma Lugilde a partir da obra Woyzeck de Georg Büchner. Está prevista unha función dobre con representacións ás 19.00 e ás 21.00 horas e aforo reducido. Ao día seguinte Tolemia Teatro (USC) representará Cyrano mentres que o sábado 28 e o domingo 29 Labarata (USC) representará na Sala Roberto Vidal Bolaño Al dente, peza de creación colectiva.

Xa o luns 30, de volta no Teatro Principal, a compañía Maricastaña do Campus de Ourense representa As ondas das pedras do río’, dramaturxia que asina Fernando Dacosta a partir da novela O deus das pequenas cousas de Arundhati Roy. Seguiranlle o martes 1 de maio ARTías (USC) escenificando Des-Armadas de Tomás Afán e Fernando Arrabal e o mércores 2 de maio Faísca (USC) con Historia natural das estrañas criaturas mariñas, de creación colectiva.

O xoves 3 de maio, novamente na Sala Roberto Vidal Bolaño, Lobishome (USC) sube ás táboas Insilio de Miguel Ponce e José G. Vera, mentres que o venres Polaroid (USC) achega a súa versión de Fahrenheit 451, nunha adaptación de Félix Álvarez a partir da obra orixinal de Ray Bradbury. A mostra botará o pano con dúas funcións, o sábado 5 e o domingo 6, de Vacaloura (USC) que interpretará Lendatarias de Amantía Coello.

Con excepción da xornada do día 24 de abril, as entradas poderán retirarse a partir das 20.00 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño e dende as 18.00 horas no Teatro Principal.


Publicidade

 

 

MostraTUniversitarioGz2 |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

vellos namorados4 |

O Grupo de Teatro Sénior Afundación presenta a obra ‘Vellos namorados’

divinas |

A AAAG alerta do esmorecemento e da externalización do Centro Dramático Galego