A compañía Os Quinquilláns está a desenvolver unha serie de actividades arredor da celebración do Banquete de Conxo organizada polo Concello de Santiago.
Hoxe, sábado 21 ás 18:30, Os Quinquilláns e Títeres Alakrán escenificarán en formato de títeres: De Carral a Conxo, polos vieiros da liberdade, unha montaxe sobre a celebración do Banquete de Conxo, de carácter histórico e divulgativo, e destinada a todo tipo de públicos.
Mañá, domingo 22 de abril, a partir das 13:00, terá lugar un roteiro musical e teatral onde artesáns, estudantes, traballadoras, labregas e os protagonistas do Banquete (Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Rosalía de Castro) irán da man desde a Praza do Toural ata Conxo pasando por toda a zona nova de Compostela e as principais rúas de Conxo. Este é un roteiro participativo e fundamentalmente musical.
Xa ás 14:00, celebrarase a escenificación do Banquete de Conxo pola compañía, coa participación dos protagonistas do Banquete e de todxs xs presentes.
Estas producións ad hoc da compañía para o Concello inciden na liña desenvolvida nos últimos anos: visitas teatralizadas e montaxes de carácter histórico onde o teatro está tamén ao servizo do coñecemento, da diversión e da participación da xente.
- O FIOT estrea ‘Territorio Regueifa’ - 21/01/2026
- Vigocultura dá a coñecer a súa nova programación - 16/01/2026
- Carlota Mosquera estrea ‘Ninguén tira fotos nos enterros’ - 15/01/2026



