Martyna Majok é a gañadora do Premio Pulitzer de Drama pola súa obra Cost of Living. A obra da autora polaco-americana impúxose ás outras dúas finalistas, The Minutes, de Tracy Letts e Everybody de Branden Jacobs-Jenkins.
Chris Dercon dimite como director do Volksbühne. Durante o seu curto mandato, estivo sometido a múltiples presións: os seus detractores atribuíanlle un excesivo gusto polo espectacular que crebaba a liña do seu antecesor, Frank Castorf.
Un teatro de Konstanz (Alemaña) ofrece entradas gratis a quen luza unha esvástika. Os responsables de Mein Kampf, unha comedia negra que satiriza a figura de Hitler, din que buscan mostrar “o facilmente que a xente pode venderse por aforrar uns euros”.
Co gallo do cincuentenario de maio do 68, o Teatro Odeon de París ofrecerá unha xornada que reivindique este teatro -ocupado dende o 15 de maio ao 14 de xuño daquel ano- como principal tribuna do “tout est possible”.
Páxina oficial do Odéon – Théâtre de l’Europe
Roberto Castellucci censurado en Le Mans: a prefectura prohibiu a participación na obra dxs nenxs que tiñan que interpretar a última escena de Sul concetto di volto nel figlio di Dio, despois de recibir varias cartas de protesta de católicos integristas.
O Premio Olivier á mellor dirección pasará a ter o nome de Peter Hall, despois de que o seu nome fose esquecido na sección In Memoriam da cerimonia deste ano. The Society of London Theatre desculpouse “sen reservas” pola omisión e revisará os criterios de inclusión nesa sección.
A versión de La maladie de la mort, de Marguerite Duras, dirixida por Katie Mitchell será unha das grandes atraccións do Festival de Edimburgo. Xa podedes consultar aquí toda a programación:
Xa está dispoñible o programa do Festival de Avignon, que se celebrará do 6 ao 24 de xullo: Olivier Py, Milo Rau, Ivo van Hove, Korsunovas, Jan Martens… Podedes consultar aquí todos os detalles: