A programación teatral do Ano da Lingua terá como protagonista a obra e a vida de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas no 2018. Baixo o lema ‘María Victoria Moreno a escena!’ a Deputación levará un total de 60 representacións teatrais por todos os concellos da provincia.
O deputado Xosé Leal presentou onte o programa, acompañado por representantes de tres das compañías que fan parte desta programación, Anxo García de Viravolta Títeres- Seisdedos, Inacio Vilariño de Odaiko, e as tres actrices que conforman Matrioshka Teatro, Anabel Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo.
Para público maior de 14 anos, Matrioshka Teatro porá en escena Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, sobre a que Lorena Conde explicou que “o que queriamos era, dunha banda, conmemorar a obra da autora e, doutra, facerlle unha homenaxe a todas as figuras de referencia que todas temos na vida e que fixeron que sexamos mellores persoas”.
Anagnórise, tamén producida por Editorial Galaxia e representada por Limiar Teatro, utiliza un taller de despezamento como escenario para ir percorrendo toda a road movie que narra a historia da obra orixinal. Está baseada na obra máis coñecida da autora, que leva vendidos miles de exemplares no noso país.
Ademais destes dous espectáculos a programación teatral do Ano da Lingua inclúe catro propostas para público de todas as idades.
Viravolta Títeres – Seisdedos representará Romance de cans, baseado no conto “Can branco, can negro”. Anxo García explicou que “María Victoria Moreno escribiu este conto en forma de romance polo que aproveitamos para recoller e introducir ditos e contos sobre cans e amosalos a través do personaxe do cego dos monifates”. García lembrou que Viravolta leva máis de trinta anos realizando investigacións sobre a representación popular, a través da que chegaron ao personaxe do cego dos monifates, moi común na Galiza nas representacións populares.
Odaiko levará polos concellos unha obra titulada Mar Adiante baseada na primeira obra publicada por María Victoria Moreno, poñendo enriba das táboas o barco escola ‘Arroás’, que é o fío condutor de todos os contos da obra orixinal. “Construímos un espectáculo que é un soño e construímos un barco escola que non se basea na relación de poder entre profesorado e alumnado, senón que se basea na praxe” asegurou Inacio Vilariño.
Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno, é un contacontos ilustrado para público familiar a cargo do colectivo ‘Polo correo do vento’. Finalmente, a adaptación de Leonardo e os fontaneiros, é unha produción da Editorial Galaxia que pon en escena Ubu Teatro, utilizando técnicas como a narración oral, a dramatización e o teatro de sombras.
Todas as compañías participan na programación teatral do Ano da Lingua con 10 representacións cada unha, e todas serán de balde para o público ata completar o aforo dos lugares nos que se presentan.
Podedes descargar o programa completo aquí.