Actualidade

PUBLICIDADE

Coa intención de reforzar a presenza do teatro e da literatura dramática entre o público adolescente, a erregueté colabora coa Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo coa edición dos textos premiados.

 

Do 25 ao 27 de abril, o Colexio Eduardo Pondal de Cangas acolle a XXII Mostra de Teatro de Ensino Secundario de O Morrazo que, un ano máis, reúne arredor dun cento de actrices e actores de seis centros educativos de Bueu, Cangas e Moaña.

As actividades arrincan este mércores 25 de abril ás 10.00 horas co acto inaugural a cargo de Cándido Pazó para continuar coa estrea de A illa amarela, de Paloma Pedrero, da man do grupo anfitrión. Baixo a dirección de J. Ángel Currás Paredes, A illa amarela desenvólvese á volta dun grupo de valentes isleños que, despois de explorar o mundo exterior, amosan aos seus compañeiros os produtos inventados polos pobos civilizados para cubrir necesidades de dubidosa veracidade.

A partir das 12.00 horas, a quenda será para o grupo A Réplika de María, unha coprodución entre o Obradoiro de Teatro do IES María Soliño e o grupo de teatro A Réplika do IES Rodeira con Arredor de ti, de Xoán Carlos Riobó quen tamén asina a dirección. Arredor de ti desenvólvese en Ancoradouro, un chiringo de praia que se move entre a calma e a tempestade e no que “a ruptura, a infidelidade, a dificultade de relación ou as diferentes tendencias sexuais, son temas que percorren esta illa de liberdade e axitación”.

Na xornada do 26 de abril da Motesmo, a quenda é para Comediantes anónimos, do IES Johan Carballeira de Bueu con Vodkavil, un espectáculo a partir de textos de María Armesto, Paula Carballeira e Santiago Cortegoso. Fran Paredes e Rosa Domínguez dirixen esta comedia sobre valores, a desigualdade de xénero e a incomunicación. Pola súa parte, a partir das 12.00 horas, o grupo Dramátic@s de A Paralaia tomarán o relevo sobre as táboas con Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala. Lucía Iglesias dirixe esta proposta na que o público asiste a un “celestial” xuízo ao galego e que “é un retrato divertido e detallado dalgunhas das actuacións contraditorias cara ao uso da lingua”.

O grupo de teatro do IES As Barxas será o encargado de abrir a última xornada da Mostra con Fobofobias, unha creación colectiva dirixida por Vanesa M. Sotelo. Con ela, o grupo convida a descubrir ás diferentes probas dun grupo de aspirantes a participar nun espectáculo sobre o medo. Personaxes extraviados saídos de traxedias gregas, fantasmas obsesionados con protagonizar exitosos musicais serven de guía nesta proposta que ten como fin a superación das diferentes fobias das participantes. Por último, ás 12.00 horas Aspamsim coa peza Sons e silencios será o colectivo encargado de poñer o broche de final a esta cita co teatro feito polo alumnado morracense.

 

Certames de carteis e textos teatrais

O venres 27 de abril, terá lugar o acto de entrega de premios ás gañadoras do Concurso de Deseño de Cartel da Mostra 2018 e do IV Certame de Teatro Breve. Neste 2018, Iria Jalda Marcos (IES María Soliño) foi a gañadora do primeiro premio do certame de carteis, sendo o seu traballo o cartel anunciador desta vixésimo segunda edición. O segundo premio recaeu na obra de Ana Mariño Soage (IES Johan Carballeira de Bueu), mentres que os dous accésit foron para Laura Costas Sousa (IES María Soliño) e Isabel Molares González (IES Johan Carballeira).

No que respecta ao Certame de Teatro Breve, as gañadoras foron Ana Díaz Sticotti (IES A Paralaia) con A derradeira mentira e Yaiza Portela Costa (IES María Soliño) con Pedra, papel e tesoiras! Coa intención de reforzar a presenza do teatro e da literatura dramática entre o público adolescente, a erregueté colabora coa Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo coa edición dos textos premiados.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos