Actualidade

Compostela celebra o Día Internacional da Danza

PUBLICIDADE

O Concello de Santiago celebra o Día Internacional da Danza con dous obradoiros e cinco espectáculos que se ofrecerán do 26 de abril ao 5 de maio no Teatro Principal, o Auditorio de Galicia e o Centro Xove da Almáciga.

A bailarina e coreógrafa Janet Novás abre a programación o xoves, día 26 de abril ás 16.00 horas, co obradoiro O corpo ocupado no Teatro Principal. A participación neste taller, de balde e limitada a 20 prazas, esixe inscrición previa no enderezo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal. O obradoiro de Janet Novás forma parte das actividades do proxecto europeo Wom@rts, que coordina o Auditorio de Galicia. Este proxecto desenvolvido con fondos de Europa Creativa e no que participan institucións doutros nove territorios europeos, ten por obxecto promover a presenza igualitaria das mulleres na cultura e os circuítos de distribución artística.

Ao día seguinte do obradoiro, o venres 27 de abril, Novás leva ao Teatro Principal o espectáculo Si pudiera hablar de esto no haría esto, unha peza coproducida polo Festival de Otoño en Primavera da Comunidade de Madrid, o Teatro Pradillo, Escenas do Cambio e Festival BAD Bilbao. En Si pudiera hablar de esto no haría esto, a artista entrégase ao xogo co corpo, co tempo e o espazo que a arrodea para compartir sensacións, iniciar un camiño a través das súas experiencias e necesidades de expresión, nunha peza na que a acción, a entrega o compromiso e a responsabilidade se volven imprescindibles.

O sábado 28 de abril ás 18.30 horas, a compañía galega Entremáns presentará Gaia no Teatro Principal. Tráase dunha peza didáctica para público familiar coa que achega a pequenas e pequenos a importancia do coidado ambiental de forma visual e imaxinativa. As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 4 euros e existe a posibilidade de mercar un bono familiar de 4 entradas por 12 euros.

Xa o domingo, 29 de abril, a Banda Municipal de Música de Santiago súmase a Asociación de Danza Alfaia e á Academia Lodanzas para ofrecer un espectáculo conxunto que encherá de música e movemento o escenario do Teatro Principal. Será a partir das 12.30 horas e contará co alumnado de ambas escolas coordinados por Paula Quintas, Marta Alonso, Yolanda Paz, Lucia Cameselle, e Sergio Perol, profesores de Danza Alfaia, e Loli Fojón, profesora de Lodanzas. Casiano Mouriño será o encargado de dirixir á banda nun programa musical que combina pezas de A. Reed, I. Chaikovski, A. Khachaturian, E. Whitacre, G. Miller, K. Vlak, D. Shostakovich e J. Kander. A entrada para este espectáculo é libre até completar aforo.

Ao tempo, o Centro de Danza e Artes escénicas Can Cun Quinqué, en colaboración coas diferentes escolas e centros de danza de Santiago de Compostela, completa a celebración na Alameda cun espectáculo para todos os públicos.

O mesmo domingo á tarde, Nova Galega de Danza levará o Auditorio o seu espectáculo Son. Unha peza que fala do encontro co corpo e co acto creativo, e que convida a quen baila e a que mira a ficar aberto ao cambio. Dirixida por Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez, a peza conta con bailaríns de danza tradicional galega, danza española e danza contemporánea.

Pasado o día 29 de abril, os festexos do Día Internacional da Danza esténdense unha semana máis. O venres, día 4 de maio, terá lugar un obradoiro de Break Dance co bailarín e coreógrafo arxentino Dani Panullo. Impartirase a partir das 18.30 h no Centro Xove da Almáciga e, a participación é de balde, previa reserva no enderezo teatroprincipal@santiagodecompostela.gal

Ao día seguinte, o sábado 5 de maio, a Dani Pannullo Dancetheatre Co. estará a presentar no escenario do Principal o seu espectáculo Avalanche. Interesado nas novas formas de deporte urbano que agroman hoxe nas cidades, Pannullo inclúe nesta peza unha novísima modalidade de control do movemento que se sitúa entre a práctica do deporte e certo virtuosismo; trucos, creatividade e estilo convertidos no escenario en poesía. Esa “forma máis de danza”, segundo o seu director, que é o fútbol free-style. Como xa fixera anteriormente con b-boys, skaters, parkour, traceurs, beat-boxers, a compañía intenta elevar estas linguaxes aos escenarios cultos, buscando a aceptación de novas audiencias.

O Día Internacional da Danza foi establecido pola Unesco en 1982, atendendo unha iniciativa do Comité Internacional de Danza, pertencente ao Instituto Internacional de Teatro (ITI/UNESCO). Para celebrar a danza elixiuse o 29 de abril, por ser o natalicio de Jean Georges Noverre, innovador e estudoso desta arte, mestre e creador do ballet moderno.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!