O CDG remata esta fin de semana a primeira estadía do espectáculo Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro, onde regresará en xullo para ofrecer catro últimas funcións. Antes, esta adaptación que dirixe Xron a partir da obra de Valle-Inclán desenvolverá unha xira de dous meses durante a que visitará outros oito escenarios galegos mais o Teatro Español de Madrid.
Hoxe, ás 18,00, terá lugar a última función desta primeira quenda en Compostela. A compañía pública acaba de programar outros catro pases no Salón Teatro, do 5 ao 8 de xullo, para dar resposta á boa acollida de público que está a ter o espectáculo desde a súa estrea o pasado día 12.
Ademais, a próxima semana Divinas Palabras Revolution iniciará unha xira, durante a que ofrecerá outras 21 representacións. En Galicia poderá verse o 4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco de Valdeorras, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas.
En Madrid, a montaxe representarase do 17 ao 27 de maio. Será en galego, con sobretítulos en castelán, 85 anos despois da estrea da obra orixinal, que tivo lugar en 1933 nese mesmo espazo baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif, con escenografía deseñada por Castelao e con Margarita Xirgu como Mari-Gaila.
Nesta nova aproximación á obra de Valle-Inclán, este papel está interpretado por Patricia de Lorenzo, como parte do elenco do que tamén forman parte Manuel Cortés (Pedro Gailo), Antón Coucheiro (Sétimo Miau), Borja Fernández (Migueliño), Mónica García (Marica do Reino), Tone Martínez (Candás), Victoria Pérez (Tatoola), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano).
Na versión que asinan Manuel Cortés e Xron, con dramaturxia deste último, os devanditos personaxes son os concursantes dun programa de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras 24 horas. Deste xeito, a ‘traxicomedia de aldea’, como subtitulou Valle a obra orixinal, convértese aquí en ‘traxicomedia de aldea global’.