O espectáculo ‘Erori’, de Cair Circo, abre o sábado 5 a nova programación da sede do CDG, onde tamén actuarán Aporía Teatro, Helen Bertels, AveLina Pérez, Josi Lage, e Xarope Tulú, entre outros.
O Salón Teatro de Santiago será o escenario dunha ducia de espectáculos, eventos e accións formativas ata primeiros de xullo, cando a produción do CDG Divinas Palabras Revolution regresará á súa sede. Erori, de Cair Circo, será a montaxe coa que arrancará o día 5 esta carteleira.
Erori é unha proposta de circo e acrobacias na que accións cotiás aparentemente sinxelas derivan en disparatadas rutinas circenses, mesturadas coa visión estética da danza e dos malabares. O espectáculo, dirixido por Natalia Outeiro, poderá verse no Salón Teatro o 5 de maio, ás 20,30 h., ademais de ofrecer dous pases matinais para escolares o mércores 2 e o xoves 3.
Tras o circo, será a quenda do teatro con Seis cubos negros en corpo branco, de Aporía Teatro, que se representará do 10 ao 13 de maio. Outras propostas teatrais, tamén producidas en Galicia, son as tres incluídas en Teatro Ob-sceno (do 25 ao 27, ás 19,00 e 20,30 h.), un ciclo de representacións fóra do escenario que inclúe as pezas Amor, de Helen Bertels, no ambigú; Deixa de tocala, Sam, de AveLina Pérez, no montacargas; e Barbarie en branco e negro, de Josi Lage, no gardarroupa.
En residencia
As tres creadoras ultimarán estas postas en escena como parte do programa En Residencia, do Centro Dramático de Galego, no que tamén participarán os integrantes de Xarope Tulú, baixo a dirección de Gena Baamonde. No seu caso, traballarán no espectáculo familiar Nómades, que será representado o venres 1 en pases para escolares ás 10,00 e ás 12,00 h.
Esta oferta completarase coas funcións que o Salón Teatro acollerá como unha das sedes de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas que organiza cada ano a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
En canto á actividade formativa, están previstas tres propostas. A primeira delas, o día 9 de maio, será un taller da compañía de danza Pisando Ovos encamiñado á selección dun intérprete para o seu espectáculo Directo 9, coprodución coa Agadic a través do Centro Coreográfico Galego. Ademais, o recoñecido deseñador de iluminación israelí Yaron Abulafia impartirá un taller o 30 de maio, organizado en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, mentres que Vicente Fuentes, catedrático emérito de Voz e Linguaxe na Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, ofrecerá do 4 ao 8 de xuño o curso “A palabra en acción”.
Portas abertas no Día das Letras
Como o ano pasado, o CDG celebrará o Día das Letras Galegas cunha xornada de portas abertas o 17 de maio, durante a que se desenvolverán varias quendas de visitas guiadas e gratuítas ao Salón Teatro.
Esta nova carteleira pecharase co regreso ao Salón Teatro da produción Divinas Palabras Revolution, a partir de Valle-Inclán, que remata hoxe mesmo a súa primeira estadía en Santiago para iniciar a próxima semana unha xira de dous meses por diferentes escenarios galegos e de Madrid. Esta segunda quenda de representacións en Compostela terá lugar do 5 ao 8 de xullo.