in

Perplexidade e indignación ante o anuncio do peche do Diario Cultural

DiarioCulturalPremio |
Se o proxecto de cambio se cumpre, o Diario Cultural desaparecería da grella da radio pública en setembro, segundo se lle explicou onte ao Comité Intercentros. Dirixido por Ana Romaní, o programa é todo un referente na información cultural galega. | Manuel Xestoso |

 

Entre a perplexidade e a indignación. Así reaccionou o mundo da cultura, onte á tarde, ante a noticia de que a CRTVG deixaría de emitir, despois de vinte e oito anos, o Diario Cultural da Radio Galega. Segundo o que se lle comunicou ao Comité Intercentros da CRTVG, o seu contido “diluiríase” noutros programas e, daquela, deixaría de existir co formato actual e coa súa franxa horaria propia. O cambio materializaríase a partir do 10 de setembro, data na que comezaría a nova programación da Radio Galega.

O Diario Cultural é un programa de información cultural dos máis veteranos da radiodifusión galega. Dirixido e presentado pola poeta, xornalista e académica Ana Romaní, é practicamente o único espazo no que se informa con periodicidade diaria sobre a actividade cultural galega, aparte de ser o promotor de numerosos programas monográficos que atenden acontecementos de especial significación ou de iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

Nun comunicado, a CRTVG alega que este cambio suporá un incremento do tempo de emisión diaria dedicado á información cultural –de 50 a 100 minutos. Outra das novidades sería a creación dunha canle dixital específica de Diario Cultural para facer accesibles todos os contidos dixitalmente. Mais estes argumentos non logran paliar, a ollos dunha boa parte do mundo da cultura, a certeza de que o esparexemento dos contidos significa, de facto, a desaparición dun espazo que se converteu nun dos máximos referentes no xornalismo cultural do país.

O anuncio da desaparición do programa desatou unha avalancha de declaracións e comunicados pedindo a permanencia do Diario Cultural na grella da radio pública. A Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Casa-Museo Rosalía de Castro, a Fundación Uxío Novoneyra, o Culturgal, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, ou a Mesa Pola Normalización Lingüística son só algunhas das que se manifestaron en contra do cambio na programación da Radio Galega. A estas, sumáronse as voces de significados persoeiros da cultura –como Manuel Bragado, Pedro Feijoo, Miguel Anxo Fernán Vello, Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre ou Mercedes Queixas–, do xornalismo –como Belén Regueira, Camilo Franco ou Carme Vidal– e da política –como Ana Pontón, Martiño Noriega, María Xose Porteiro, Xoán Bascuas, Goretti Sanmartín ou Ana Miranda– que chaman a CRTVG a reconsiderar a súa decisión apelando a xa minguada visibilidade da cultura galega nos medios.

Pola súa banda, o Comité Intercentros da CRTVG considera “inadmisible” a desaparición do programa, reprobou os cambios anunciados onte e anunciou que acordará mobilizacións para reverter as decisión tomadas. Mentres, En Marea, PSdeG e BNG demandaron a comparecencia urxente na Cámara do Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, para que explique os cambios na programación da Radio Galega.

 

Un programa insubstituíble para as artes escénicas

No sector das artes escénicas o anuncio do cese de emisións do Diario Cultural foi acollido tamén con sorpresa e incredulidade. Todas as persoas e entidades consultadas coinciden en sinalar a importancia do programa como un esteo capital no sistema cultural galego que contribúe a paliar a falta de información crítica e reflexiva sobre as artes escénicas nos medios xeralistas. Todas elas reclaman tamén unha reconsideración da decisión anunciada.


Publicidade

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) publicou un comunicado no que “cuestiona a triste decisión da Radio Galega de suprimir o histórico Diario Cultural no seu formato habitual para diluír os seus contidos ao longo da programación diaria en microseccións incrustadas noutros programas”. A AAAG considera “ irresponsable e incomprensible a determinación de baleirar, desvirtuar e esmiuzar un programa de tan longo e brillante percorrido, referencial para os ouvintes e de indiscutible prestixio para o sector cultural no seu conxunto”. Ademais, a asociación reivindica o labor desenvolvido polo programa nas últimas tres décadas, subliñando que nel “informouse sempre da realidade escénica e audiovisual deste país, ao tempo que se fomentou a crítica ou se creou o Premio de Teatro Radiofónico” e lembran que xa no ano 2008 recoñeceron o labor do equipo que realiza o programa concedéndolle a Ana Romaní o Premio de Honra Marisa Soto.

Dende Escena Galega, asociación sectorial que engloba a 33 compañías galegas produtoras de teatro, monicreques, danza e novo circo, mostran rexeitamento á desaparición do Diario Cultural, e consideran que “é un programa referente na difusión das artes escénicas galegas, con tres décadas de traxectoria, e cun prestixio e compromiso coa nosa cultura indiscutibles”. Consideran indispensable “que a Radio Galega o manteña na grella, pois o labor que realiza este programa non é comparable co que supón unha axenda cultural diluída noutros espazos informativos”. A cultura galega, explican, “precisa deste e máis espazos específicos para a súa difusión e dinamización”.

Imma António, presidenta da Academia Galega de Teatro, pensa que “no mellor dos casos, estamos perante un caso máis de ignorancia. No peor, de desprezo. Incompetencia en calquera caso. O desleixo co que é tratado o que é patrimonio de todo un país, o que nos define como individuos e sociedade é proba da absoluta falta de compromiso entre quen ten a obriga de protexer e poñer en valor a súa -de toda a sociedade- cultura e a obriga que o seu posto de poder require”.

Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro, subliña que con decisións coma esta, “o ente público esta perdendo o seu sentido. Dentro dos seus estatutos contémplase a obriga de defender a lingua e a cultura propias e estas escollas operan xusto en sentido contrario. O Diario Cultural é –e espero que siga sendo– unha institución. Un programa que avisaba de practicamente todo o que sucedía no mundo da cultura cunha información moi rigorosa e profesional”. Concretamente, para o campo das artes escénicas “sería unha perda importantísima, xa que é dos poucos espazos nos que aínda existe a crítica teatral, un xénero absolutamente imprescindible para a relación entre a obra e o público, que está practicamente desaparecido das cabeceiras xeralistas e ao que só lle queda o refuxio dalgúns poucos espazos especializados. A súa supresión deixaríanos nun deserto moi difícil de atravesar: resulta moi triste ver como se vai desmantelando todo”.

Roberto Pascual, en calidade de director da MIT Ribadavia, contestou á erregueté co seguinte comunicado: “Recibimos con absoluto estupor a noticia da desaparición, no formato que coñecemos até o de agora, do programa da Radio Galega, Diario Cultural. No ano 2013 a MIT de Ribadavia concedíalle ao equipo conducido por Ana Romaní o Premio de Honra ao Mérito nas Artes Escénicas, por facer da cultura un ámbito participativo, onde produtores e usuarios senten que hai canles para a “construción colectiva dun espazo de liberdade, de intelixencia e sensibilidade”. O Diario Cultural, digno exemplo do que supón un servizo público eficiente, rigoroso e de gran apoio social quere ser modificado e non comprendemos o motivo. Non comprendemos esta decisión parcial e tan afastada da maioría social que o sente como un referente da súa radio pública ao servizo da cidadanía e da pluralidade creativa do sector cultural. Non comprendemos o criterio de autoridade que pode levar a desaparecer un programa exitoso, con prestixiosa traxectoria e sempre atento ás novidades e ao fomento dun espírito crítico, como debe ter calquera cultura de progreso. Ordear e mandar é unha cousa, gobernar e escoitar é outra. Polo bo goberno do nosos servizos públicos, non á destrución do Diario Cultural.”

Para María Armesto, directora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, resulta inconcibible que a Radio Galega renuncie a un produto que dota de personalidade ao propio ente. “O Diario Cultural é unha marca. Non é un programa máis nunha grella de programación, senón un referente que gañou un gran prestixio e o respecto dos seus oíntes e que, ademais, conta cun nivel de audiencia moi considerable. Se o que realmente quere a CRTVG, como di o seu comunicado, é ampliar a oferta cultural, poden facelo perfectamente sen renunciar a esa marca propia que se creou ao longo dos anos. Mesmo dende un punto de vista comercial resulta inexplicable: tes un produto que funciona, que ten audiencia e prestixio e, en vez de potencialo, optas por diluílo? Non o entendo. Na Mostra de Cangas xa hai anos que lle concedemos a Ana Romaní o Premio Xiria ao Labor Teatral precisamente polo seu traballo na dirección do Diario Cultural, e seguimos pensando que debe contar con todo o apoio que merece o esforzo de todos estes anos”.

AveLina Pérez, dúas veces gañadora do Premio da Audiencia do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico e parte da directiva de DramaturGA, a asociación de dramaturgos e dramaturgas de Galicia, lembra o apoio que recibiu do programa e a súa atención a manifestacións culturais minoritarias: “A nivel persoal, este programa significou un apoio importante para o meu traballo, tanto polo concurso de teatro radiofónico como polo interese que sempre mostrou por espectáculos e textos meus. Pero máis aló do individual, o desmantelamento do Diario Cultural, como unha peza máis da liquidación xeral que se está a executar, paréceme unha perversidade absoluta que só me produce o máis completo rexeitamento e unha tremenda rabia. Esperemos que este tipo de decisións acaben por non levarse adiante”.

Xesús Ron, da compañía Chévere e director da última produción do CDG, Divinas Palabras Revolution, incide especialmente na necesidade de preservar a independencia e a profesionalidade dese espazo informativo. “A nivel cultural dispoñiamos dun espazo que traballaba con profesionalidade, con independencia e con rigor e o que hai que reforzar non é a cantidade de tempo que se lle dedica á ese espazo senón esa independencia e ese rigor. Neste caso hai que defender a dirección que había: con todo o que leva demostrado, non hai ningunha razón nin xustificación para substituír a Ana Romaní, senón que o ideal sería darlles máis espazo e máis medios a ela e ao equipo de profesionais que ata o de agora veñen realizando o programa”. Ron avoga por apoiar explicitamente a este equipo e considera case irrelevante o formato que se escolla se se preserva o seu traballo: “hai que ter en conta que a información a fan as persoas e débese estimular a continuidade da traxectoria das que fan o Diario Cultural”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ballet 335493 |

Cursos de verán do Centro Coreográfico Galego

logoaaag cor |

Comunicado da AAAG reivindicando o inxente labor do programa Diario Cultural