A AAAG (Asociación de Actrices e Actores de Galicia) organiza, coa colaboración da Escola de Arte Dramática de Galicia e AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión), dous cursos de formación, a cargo da compañía Teatro En Vilo, en Compostela e Vigo.
No caso do curso de Vigo, o laboratorio/taller impartirase durante os días 6, 7 e 8 de xuño na ESAD, baixo o título “A dramaturxia actoral e os procesos de creación colectiva”. Este taller dirixido a actores/actrices, directores/as e dramaturgos/as é unha oportunidade para achegarse a procesos de creación colectiva onde o actor ou actriz ten un rol fundamental, xa que ha xerar e organizar o material escénico traballando desde a súa individualidade, os seus referentes e a súa visión do mundo.
En Compostela, o laboratorio/taller “Corpos que escriben, mentes que accionan” quere ser un marco de aprendizaxe, adestramento e investigación para todos aqueles que desexen enfrontarse ao reto de crear o seu propio traballo, facendo especial fincapé na acción e o movemento como ferramentas fundamentais nos procesos de creación do/a actor/actriz. Celebrarase os días 9 e 10 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia.
O prazo de inscrición remata o día 28 de maio para o obradoiro de Vigo e o 29 dese mesmo mes para o de Compostela.
Máis información no web da AAAG.