A MITCFC arranca o venres 29 de xuño, ás 22.30 horas, co pregón inaugural a cargo de Eduardo Rodríguez Cunha, ‘Tatán’. Mabel Rivera recibirá o premio Xiria ao Labor Teatral.
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) volve ser, nesta 35 edición, un dos principais referentes nacionais do teatro de humor. Do 29 de xuño ao 8 de xullo, a Mostra acollerá tres estreas absolutas a nivel internacional: Nómades, de Xarope Tulú; Jazz Bodas de Fígaro, de Vania Produccións; e Silda & Hadrían, de Casilda Alfaro e Adrián Ríos en coprodución coa Mostra. Ademais, haberá catro estreas galegas. A italiana Maghi per una notte, da compañía Luccettino; Rojo de Mireia Miracle, Playoff, de La joven compañía e Rojo Estándar da cia. Lanördika.
A MITCFC arranca o venres 29 de xuño, ás 22.30 horas, co pregón inaugural a cargo de Eduardo Rodríguez Cunha, ‘Tatán’, titiriteiro, actor e cantante de profesión. O artista leva adicado á farándula dende os anos 80. Anteriormente, foi un dos creadores, en Compostela, da Compañía Pepa Loba.
A continuación representarase a obra Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego (CDG). Nove personaxes pechadas nun programa de telerrealidade que reviven, inconscientes, o cru e duro retablo de avaricia, luxuria e morte que Valle Inclán construíu para as súas Divinas Palabras, un texto do ano 1919. Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés e Antón Coucheiro forman parte do elenco de actores.
O sábado 30 de xuño. Pepa Plana, actriz e pallasa catalana, trae a Cangas o Paraíso Pintado, un espello para vérmonos reflictidos na estremeira do divertido e no canto do tráxico. Pepa Plana é un referente europeo no xénero, tanto pola calidade dos seus espectáculos como pola súa contribución á visualización das pallasas.
Xullo arranca coa obra A Leituga, da compañía galega Eme2 producións. Cinco familiares reúnense para celebrar o aniversario dun home que se atopa en estado de coma. A obra, dirixida por Víctor Duplá, aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún momento nas nosas vidas. Entre os actores atópanse Mercedes Castro, Antonio Durán ‘Morris’, María Vázquez e Federico Pérez, entre outros.
O 3 de xullo, o público poderá ver a estrea absoluta Nómades, teatro de obxectos, música, narración oral e traballo de actores para contar a beleza do diverso; texturas e formas de vivir.
A estrea galega Maghi per una notte (Magos por unha noite) representarase o 5 xullo. “Lucchettino” (Luca Regina e Tino Fimiani) gañaron o premio “Mandrake d’Or” en 2016. O espectáculo do dúo italiano ten como obxectivo combinar diferentes estilos e cruzar fronteiras, onde a “Commedia dell´arte ” cos seus temas universais, renóvase.
O 6 de xullo, o Auditorio de Cangas acollerá a estrea galega de Playoff,de La joven compañía, unha traxicomedia que transcorre no vestiario dun equipo de fútbol feminino. A obra reflexiona sobre o papel da muller e do deporte feminino nunha sociedade que aínda manifesta un machismo feroz en moitos ámbitos.
O fin de festa da XXXV edición da Mostra será un espectáculo que mestura teatro e música. Jazz Bodas de Fígaro é unha versión jazzística da obra de Mozart na que os cantantes interpretan as súas arias de xeito tradicional pero o acompañamento corre a cargo dun trío de jazz que, conservando os tempos orixinais, reinventa a partitura cunha adaptación musical tan insólita como abraiante. Vania Produccions está detrás dalgúns dos éxitos teatrais máis recoñecidos: La cena de los idiotas, La venganza de don Mendo, Hamelin… Nesta ocasión, volven unirse ao Tricicle Paco Mir, co que xa teñen levado a escena numerosas montaxes.
Teatro na Rúa
Un ano máis, o teatro na rúa, os espazos alternativos, obradoiros, eventos e a sección especial do festival Mulleres en Acción completarán un intenso programa de 10 días. No Teatro na Rúa, un total de nove espectáculos serán representados en espazos abertos a todo o público e con temáticas de carácter familiar, danza, circo e comedia visual.
Os espazos alternativos aumentan nesta 35 edición tras o éxito do pasado ano: Sala Salasón, a Capela do Hospital, a sala de exposición do Auditorio Municipal. Volve destacar a II Edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia, unha lectura dramatizada do Tartufo, en verso, e a estrea absoluta da comedia Silda & Hadrián, unha actriz, un actor, a fama, o éxito, unha parodia deles mesmos escrita para a ocasión polo mestre Manuel Lourenzo.
Exposición Antolóxica de María Mazás
Mulleres en Acción e a MITCFC queren renderlle homenaxe cunha exposición antolóxica da obra de María Mazás, pintora, escultora e deseñadora de sombreiros, recentemente falecida (1960 – 2017). O cartaz da XXXV MITCFC está inspirado na súa obra ‘Love Duet, baseado na coreografía do ballet ‘Groosland’.
Premios a Asunción Fernández Rodal e Mabel Rivera
O sábado 7 de xullo, será o día para os premios. A XVIII edición das Xornadas Mulleres en Acción, que este ano leva por título Artes vivas. Artes visuais: Somos a metade. Queremos paridade, decidiu outorgarlle o premio Mulleres en Acción a Dª Asunción Fernández Rodal, en recoñecemento ao seu excepcional labor académico e de investigación, sempre con perspectiva de xénero. As súas investigación, relacionadas coa cultura: cine, teatro, literatura, plástica e, especialmente, as dedicadas aos discursos de xénero, tanto textuais como audiovisuais, iluminan o camiño de centos de mulleres e homes que se dedican á comunicación, axudándolles a desprenderse de valores e ideoloxías caducas e machistas.
Outro dos galardóns que se entregará o sábado é o Premio Xiria ao Labor Teatral, que este ano será concedido á actriz Mabel Rivera polo seu labor para a profesionalización da escena galega nos seus inicios e polos seus dereitos. A galardoada conta, entre outros, co premio da Cultura Galega de Artes Escénicas 2017 e co premio Goya 2004 por Mar Adentro de Alejandro Amenábar, actualmente é vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Abonos
Desde o pasado 21 de maio, e ata o vindeiro 18 de xuño, estarán á venda os abonos para os 7 sete espectáculos de sala con interesantes descontos e a posibilidade de elección de butaca durante todo o festival. O prezo total é de 45€. A venda anticipada para cada unha das obras abrirase o 20 de xuño e será de 8€ cada un, agás Nómades (5€).