Un xurado composto polos dramaturgos Sther F. Carrodeguas, Roi Vidal, Paula Carballeira e Manuel Núñez Singala, polo profesor Delio García Represas, e coa tamén dramaturga Raquel Castro como secretaria con voz, pero sen voto, decidiu declarar gañadora do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño a obra A derradeira bala de Fernando Castro Paredes, que se impuxo aos 22 orixinais presentados.
O xurado destacou da obra gañadora a habilidade coa que o autor trata temas como o amor e a guerra dunha maneira lúdica e sinxela. Levando a cabo un tratamento do absurdo dos conflitos bélicos dende o propio absurdo. A obra amosa as voltas que dá a vida e a estupidez de moitas das escollas ás que nos aferramos con fervor, poñendo de relevo a necesidade de enfrontarmos conflitos morais e tomar decisións complexas. En canto á linguaxe destacan a ironía e o humor así como o coidado da dimensión poética.
O Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, nacido neste mesmo ano, está convocado pola Editorial Galaxia e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro, ten como finalidade animar á escrita de pezas teatrais dirixidas ao público mozo, é dicir, ao alumnado da ESO e Bacharelato. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa coleccións Costa Oeste nunha aposta decidida pola dramaturxia na nosa lingua.
O acto de entrega do galardón terá lugar no bar Liceum, no Porriño, o vindeiro 30 de xuño ás 19:00h.
Fernando Castro Paredes vén de gañar hai uns meses a última edición do Premio Varela Buxán.