Un soño cumprido é o título da peza coa que a actriz Patricia de Lorenzo intervén este sábado, na Fundación Luís Seoane, ás 22:30, n’O teatriño, un proxecto comisariado por Camilo Franco que indaga na relación entre diferentes actrices da escena galega e o público, a través da posta en escena de pequenas representacións dunha duración de 45 minutos nas que se convida ás intérpretes a que conten o que queiran e como queiran co menor artificio posible, sen decorados, nin vestiario especial, eliminando a distancia entre elas e os espectadores, nunha montaxe única que non volverá representarse nunca máis. O teatriño xa contou coas intervencións, o último sábado de cada mes, de Mónica Camaño, Melania Cruz ou Iria Sobrado.
A peza de Patricia de Lorenzo tentará explicar as claves do oficio de actriz. Segundo Camilo Franco, comisario do ciclo, contará “desde a práctica como é iso de facer pequenas mentiras para contar grandes verdades e como fai para ser outras sen deixar de ser ela”.
As entradas poden adquirirse na propia Fundación Luis Seoane (prezo: 10 euros). Capacidade limitada.