O espectáculo Rojo, que se representa hoxe na Quintana, será a primeiras das cinco citas compostelás desta iniciativa, organizada pola Agadic e Turismo de Galicia en colaboración co Concello de Santiago e outros 102 municipios das rutas xacobeas
A sexta edición do ciclo Cultura no Camiño, promovido pola Xunta en colaboración con 103 concellos das rutas xacobeas, chega este mércores 1 de agosto a Santiago co espectáculo de teatro infantil Rojo, de Pistacatro, ás 19,30 h. na praza da Quintana.
En Compostela, a oferta de Cultura no Camiño concéntrase no mes de agosto, durante o que se levarán a cabo cinco actuacións de teatro para público familiar, novo circo e danza. Tras a posta en escena desta semana, o martes 14 será a quenda de Cía Catropés con Animacreques, un espectáculo teatral de rúa que percorrerá desde as 13,00 h. a zona monumental cos seus monicreques e zancudos.
O mércores 22 Pistacatro regresará á Quintana, desta volta coa montaxe de novo circo Espera, na que convida o público a vivir de preto as súas acrobacias. Os artistas da compañía Desincronacidas estarán no mesmo lugar o mércores 29 con Oh! Limpiadas para achegarlles aos espectadores o seu particular mundo circense rexido polo absurdo.
A praza da Quintana tamén acollerá a peza de danza Give it a Spìn, coa que Pisando Ovos pechará o venres 31 a carteleira desta sexta edición do ciclo da Xunta en Santiago. Como todas as actuacións do programa neste espazo, a función terá lugar ás 19,30 h.
Cultura no Camiño 2018 arrancou a mediados do pasado mes de abril e prolongarase ata o 30 de setembro co obxectivo de contribuír a enriquecer o programa cultural dos concellos participantes, situados todos eles nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia.