Hai xa vinte anos que o Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) puxo en marcha unha iniciativa cuxo obxectivo era, e é, poñer as artes escénicas ao alcance de quen nunca ten asistido a unha función. Onde atopar novos espectadores e potenciais afeccionados ao teatro? Na rúa, nos lugares públicos de lecer e esparexemento. Este ano, a partir de mañá, día 28 de setembro, Carballo acolle as primeiras representacións da 20ª edición da Rúa dos Contos.
As dúas primeiras citas, o vindeiro venres día 28, celebraranse na Cafetería Colón e no Mesón do Pulpo. Na Colón é só para maiores de idade: ás dez da noite o monologuista galego Avelino González relatará os seus Contos de contrabando; e a medianoite Marcos Pereiro no Mesón do Polbo expoñerá Como ser un armario empotrado.
Ao día seguinte, sábado día 29, á unha do mediodía e para todos os públicos, no Mesón A Cabana tócalle a vez a Peter Punk: En cru, espectáculo multidisciplinar con malabares, acrobacia, lume e moitas risas. E á medianoite, en Bulevar Music Café e só para maiores de idade, Víctor Grande presenta o seu novo espectáculo A vida pasa voando.
O sábado día 29 tamén terá lugar a primeira das representacións programadas no Mercado Municipal, ás nove da noite e para todos os públicos Manoliño Nguema ofrecerá Ngoan ntangan, dous mundos que se tocan: Guinea Ecuatorial e Galicia.
O vindeiro domingo día 30, á unha do mediodía no Casino 1889 está programada para todos os públicos Regueifa 2.0, con Lupe Branco e Bieito Lobariñas.
Todos os espectáculos son de balde, agás o convocado á medianoite do venres no Mesón do Pulpo (5 euros) e a función no Mercado Municipal (3 euros). Loxicamente, os locais teñen o aforamento limitado e as entradas débense adquirir antes de empezar a función nos propios establecementos.