O Festival celebrará entre os días 13 e 21 de outubro a súa 23ª edición, convertendo Santiago de Compostela, un ano máis, en gran referente para o xénero escénico dos títeres.
O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará a súa 23ª edición entre o 13 e 21 de outubro de 2018 cunha ampla programación que, con máis de 25 espectáculos, contará cun marcado carácter internacional ao traer a Santiago de Compostela compañías procedentes de Arxentina, Brasil ou Venezuela, ademais de formacións galegas e do resto do estado español. A programación incluirá tamén tres estreas absolutas e un total de 12 obras nunca vistas antes en España. Deste xeito, o Festival consolídase un ano máis como porta de entrada de compañías internacionais ao circuíto tanto galego coma estatal.
A primeira estrea en España chegará na propia presentación do Galicreques, que se celebrará o sábado 13 de outubro ás 17.00 horas no Teatro Principal. O seu escenario acollerá a primeira representación de El Alguacil Buñuelo, dos ecuatorianos Titiritainas. Xa ás 20.30 horas, no mesmo recinto, terá lugar a estrea absoluta de Viaje a un país de…, coprodución galego-arxentina de Títeres Cachirulo (Galicia), Tres Tigres Teatro (Arxentina) e Chachakün (Arxentina).
As outras dúas estreas absolutas virán da man da compañía española Mazzú Teatro e do músico e titiriteiro Luís Vallecicllo. Así, Mazzú Teatro dará a coñecer Home no Teatro Principal nunha dupla función o xoves 18. Ás 11.30 horas, presentarase ao público escolar a obra, mentres que ás 20.30 horas estrearase para o espectador xeral. Pola súa banda, Luis Vallecillo actuará o martes 16 para representar por vez primeira Cantamos?, un espectáculo que mestura música e bonecos e que conta co seu propio audiolibro infantil, editado por Guindastre Edicións. As súas funcións serán no Centro Sociocultural de Santa Marta ás 11.30 e ás 18.30 horas.
Outras estreas
O Festival Galicreques, coa súa vocación internacional, ábrelle a porta nesta vixésimo terceira edición a espectáculos estranxeiros nunca vistos antes en España. É o caso de En una canasta, obra dos arxentinos Uluria Teatro; ou de Caperucita, da compañía procedente de Arxentina Tres Tigres. Tamén se darán a coñecer no Galicreques espectáculos como Mi jardín, obra para bebés dos brasileiros Sobrevento; Los tres cabellos de Oro de don Gruñón, dos venezolanos La Pareja; El árbol de los Sombreros, dos colombianos Arlequín y Los Juglares, Un secreto increible, de Chachakün; ou De Oficio.. Serenateros!, de Tres Tigres.
Funcións para escolas e institutos
Os espazos nos que se realizarán as funcións da programación para escolares serán a Fundación SGAE (Rúa Salvadas 2ª, Parque de Vista Alegre), o Teatro Principal (Rúa Nova, 21) e o Centro Sociocultural Santa Marta (Rúa Antonio Rama Seoane, 6) e concentraranse principalmente en horario de mañá dos días lectivos para o estudantado, entre o luns 15 e o venres 19. Os centros interesados en levar os seus estudantes ás funcións poderán contactar nos teléfonos 981 80 12 37 ou 667 771 147 de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 h. A adxudicación de prazas farase atendendo á orde na que se fagan as reservas.
A programación escolar do Festival Internacional de Títeres de Santiago de Compostela Galicreques inclúese tamén dentro do ciclo Teatro Escena-Teatro e Monicreques para Centros de Ensino prevista para Outubro de 2018, e ofrece así, ao longo do mes, 13 funcións para estudantes. A programación arrinca o luns 8 de outubro, cunha función na Fundación SGAE ás 10.30 h. de La ratita presumida, da formación valenciana Teatro La Estrella e destinada a rapaces maiores de 2 anos. Unha semana despois, o luns 15 de outubro, e xa co Festival Galicreques en marcha, a SGAE acollerá ás 10.30 horas a peza El pirata Barba, dos valencianos Xarop Teatro, dedicada ao público a partir de 4 anos.