O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, comeza hoxe coa programación da súa terceira edición, que se celebrará até o vindeiro domingo 11 de novembro. En total, o festival ofrecerá doce funcións espalladas pola xeografía teense e dobrará a súa aposta pola Feira de Francos, recuperando tanto a Carballeira como a festividade de San Martiño como espazo de exhibición e difusión dos títeres tradicionais.
A función inaugural da programación deste ano terá lugar hoxe domingo, ás 18:00, no Local da Asociación A Mámoa (Iglesia, 18. Luou) da man de Fantoches Baj, que representará o seu espectáculo Auga que non vas beber. Trátase dun recital satírico para monicreques, onde destacan diversas cantigas populares como A Saia da Carolina, O sermón do padre Damián ou O cura está malo, entre outros cantos e contos que remiten sempre a unha memoria colectiva de transmisión oral e que o autor une para contar as aventuras e desventuras amorosas do muiñeiro Xosé coa Carolina, baixo a libidinosa tutela do padre Damián, cura de Agolada. Á estrutura básica de monicreque de cachaporra engádense gags feitos con outros recursos como os monicreques de táboa, a planjet, o cartel de cego ou as siluetas.
Nesta edición, o programa incluirá a estrea de Dona Barriga Verde, espectáculo de Larraitz Producións Artísticas que supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachaporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques. Ademais, o festival inclúe unha montaxe singular o sábado 10 de novembro, ás 21:30, na Carballeira de Francos. Baixo o título As varietés do Barriga Verde, a montaxe pretende reproducir, cunha óptica actual, os espectáculos que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación da obra de Barriga Verde. Con ese espírito, a produción reunirá as actuacións de compañías galegas como Mircromina, Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Os Monicreques de Kukas, Diego Anido ou Arturo Nono. Todo baixo a presentación da actriz Iria Pinheiro e a coordinación musical de Alonso Caxade, Joam Casas e Paco Nogueiras.