in

III SóLODOS en Danza – Ourense

IronSkulls |

SóLODOS EN DANZA é un festival internacional de danza contemporánea e un concurso coreográfico Iberoamericano, que promove o intercambio cultural entre continentes. Celébrase en América dende hai 6 anos e realizarase por terceira vez na cidade de Ourense, os días 23 e 24 de novembro.

O día 23 de novembro celébrase a GALA SóLODOS EN DANZA, coa programación de distintas obras. O día 24 de novembro celebrarase o Certame de Creación de Dúos e Solos, seis coreografías finalistas presentaranse no auditorio da cidade, para competir polo premio SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2018. A obra gañadora realizará unha xira por varias plataformas, festivais e residencias artísticas latinoamericanas.

O programa completo queda como segue:

23 Novembro

11.00 – 12.30 h / Función Premio XOVE / Sala Principal
Función das 6 pezas finalistas para público xuvenil.
Charla: Ao finalizar o espectáculo haberá unha charla cos artistas na Sala Principal.
Votación: Posteriormente os estudantes votarán a súa coreografía preferida: a peza gañadora recibirá o Premio Xove SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2018 que se entregará o día 24.

18.00 – 19.30 h / Programa Formación Profesionais / Sala Apego
Master Class de Mikel Aristegui na Sala Apego para Artistas Finalistas + Profesionais de Danza.

20.30 h / Gala Internacional SóLODOS EN DANZA / Ourense / 2018 / Sala Principal. Coreografías e compañías:


Publicidade

Don Limpio / Iron Skulls – Moisés “Moe”/ Cataluña
Creación e interpretación: Moisés “Moe” | Duración: 10 mins
A vida de Don Limpio: Lavar, asear, puír, varrer, fretar, fregar, acicalar, abrillantar, … & limpar.

ON / Cía Exire – Alba Fernández Cotelo / Galicia / Premio SóLODOS En Danza / OU / 2017
Creación e Interpretación: Alba Fernández Cotelo – Cía Exire | Duración: 10 min
De súpeto, un só dedo acende cada parte do meu corpo. A súa enerxía leva as miñas vísceras a experimentar unha sacudida tan potente como a forza mínima que provoca violentos furacáns. Son os xestos sutís que envolven a atmosfera de caricias e enerxía vital. Invítote a que entres no meu corpo sen ter compaixón. Entras e percorres, observas, explosionas. Ven, ven… Mexe o meu corpo, para que se mova diferente e me transporte a outro lugar.

SE – NW / Tejido Conectivo – Miguel Ángel Punzano e Andrea Amor / Madrid
Dirección, coreografía e interpretación: Miguel Ángel Punzano e Andrea Amor | Deseño sonoro: Miguel Ángel Punzano | Deseño de iluminación: Virginia Rodríguez | Deseño de vestiario: Irma Veiga | Duración: 15 min
The Walk é unha experiencia escénica sobre a poética do camiñar. Unha peza de danza contemporánea que se sucede a través de tres paisaxes construídas sobre o diálogo entre a gravidade e o equilibrio, o percorrido e a arquitectura dos corpos. SE-NW é unha desas paisaxes.
En SE-NW, a idea de Tempo e a idea de Espazo: dous conceptos tan inseparables como inaprensibles rebélanse, fanse visibles e palpables, sérvense dos corpos para se poñer de manifesto.

SIN MIEDOS / Iron Skulls – Diego Garrido / Cataluña
Dirección, coreografía e interpretación: Diego Garrido | Música: Nils Frahm – Says | Residencia artística: Auditorio San Martin, Barcelona | Mellor solo no Certame Microdanza de Madrid, 2015 | Duración: 9 mins
“O guerreiro sabe que, tras cada enfrontamento, nunca volverá a ser o mesmo”. Sin Miedos comeza cos irresoltos e premonitorios pasos do individuo que se arroxa a una deshabitada nudez. Sen ningunha garantía de éxito, os artistas, compunxidos e oprimidos por unha historia de asuntos irresoltos, emprenden a necesaria e arriscada viaxe cara á verdadeura identidade do ser. Afogando na viscosidade das súas inseguridades, o bailarín arrastraranos a unha turbulenta intimidada na que a negrura unicamente desemboca nun universo de matices agrisados.

LAS VIUDAS / Iron Skulls – Héctor Plaza e Agnés Sales / Cataluña
Creación e interpretación: Héctor Plaza e Agnés Sales | Duración: 15 mins.
10 da mañá. Esta vez ninguén vai chamar á porta. Palabras que compoñen as lembranzas dunha nena sobre a reacción da súa nai. Para nós, o detonante dun delirio que pon á luz a pegada que nos deixan as nosas vivencias.

 

24 Novembro

10.00h – 11.00H / Programa Formación Maiores · Público Xeral / Sala Apego
Master Class de Danza Contemporánea para Maiores e Público Xeral con Erick Jiménez – Sólodos

12.00 – 14.00 h / Foro SóLODOS / Sala Vermella
Interveñen: Erick Jiménez, de Sólodos, Costa Rica – Ourense / Natividad Buil, do Festival Trayectos de Zaragoza e Red A Cielo Abierto (Red de festivales de danza contemporánea en espacios no convencionales de España) / Victor López Carbajales, do Centro de Danza de Zaragoza / Rui Pires, do Festival ContraDANÇA, Festival de Dança e Movemento Contemporâneo de Covilhã, Portugal / Cristina Samaniego, do Espacio Espiral, Laboratorio Escénico y de Artes Afines de Santander / Rebeca Martín Tassis, de Espacio Les Naves de Xixón.

17.00 – 18.30 h / Programa Formación Profesionais / Sala Apego
Master Class de Tejido Conectivo – Miguel Ángel Punzano para Profesionais de Danza.

18.45 – 20.00 h / Programa Formación Estudantes / Sala Apego
Master Class de Tejido Conectivo – Miguel Ángel Punzano para Estudantes das Escolas de Danza.

20.30 h / Certame de Creación de Dúos e Solos / Sala Principal

Cuando las aves oyen mi paso / Ricardo Flores / México – Portugal
Intérpretes: Ricardo Flores e Diana Pinto
A peza fala sobre a partida. En México, é común colgar zapatos nos fíos de alta tensión como un tributo aos que partiron e deixaron o calzado atrás, camiñando descalzos polo camiño da eternidade. A través de movementos minimalistas, da utilización da mímica e de escasos elementos escénicos, explórase algo que vai alén da planta baixa, pero que tampouco é imaxinario – porque os nosos corpos existen, decátanse da presenza un do outro, dos outros e das súas vibracións.

Do you? / Irene Maestre Serrano e Luis Martínez Gea / Murcia – Cadete, Albacete.
Intérpretes: Irene Maestre Serrano e Luis Martínez Gea | Coreografía Premiada no VII Festival Abril en Danza 2018 – Muestra Jóvenes talentos para participar como finalista en Sólodos En Danza / Ourense / 2018.
Trata das maneiras de amar e como o interpreta cada ser e a intensidade de recibilo.
A definición de amor, cun(ha) compañeir@ de viaxe nesta supervivencia que é a vida, o meu punto de vista. Xogamos cun dito: “MI MEDIA NARANJA”: eu non comparto ese dito xa que cada un@ non somos metades porque estamos enteiros, daquela cada quen pode ser unha laranxa ou calquera outra froita.

Ática / Elvi Balboa e Lucía Bocanegra / Sevilla – Sanxenxo, Pontevedra
Intérpretes: Elvi Balboa e Lucía Bocanegra
ÁTICA é o lugar no que se encontran dúas descoñecidas. DOUS extremos que se unen nun xogo. UN diálogo harmónico creado polas súass diferenzas. DANZA e espazo fan posible esta historia espontánea, este encontro cotián.

[ tiempo ] / Nacho Cárcaba / Asturias
Intérprete: Nacho Cárcaba
Tempo, habitando na pel, nos ósos, naquilo que se move de uns a outros, habitando na súa pel, nos seus ósos, naquilo que os move, a uns e a outros,… descubrir un momento mentres outros comezan a correr na busca do seu tempo, que habitará a súa pel, os seus ósos e se moverá… de uns a outros.

Ephimero / Paula Pérez Pinilla e Carmina Gimeno Latas – Cía Peace of Mind / Zaragoza
Intérpretes: Paula Pérez Pinilla e Carmina Gimeno Latas
Os sentidos son a porta entre o ser humano e o exterior. Sen palabras, cando dúas persoas se miran aos ollos, establecen un alicerce de confianza e comunicación. A través dos aromas, sons e o simple tacto, viaxamos cara a un mundo de lembranzas e sentimentos que nos van conectando no transcurso de la vida. Pensamentos fugaces, submisos a un cronómetro que nos balancea entre o duradeiro e as agullas do efémero.

Entre Nosotros / Salvador Rocher / Santa Pola, Alicante
Intérpretes: Melodía García Sánchez e Salvador Rocher.
Son as 19:00 pm, aterramos en terreo descoñecido, observou e analizou, o capitán está inquieto e só busca como volver. Porén, Eu só vexo unha nova oportunidade de cambio ao vernos rodeados desta nova sociedade. Quizais se quedamos o logremos e, se non funciona, non importa, todo queda entre nós.

Actuación Artistas Invitados
Antes da entrega de Premios actuarán as compañías invitadas e coreografías premiadas:

I´M NOT A KID ANYMORE / Arnau Pérez / Premio XOVE recibido en SóLODOS En Danza / OU / 2017 e coreografía premiada no Certamen Internacional de Coreografía Burgos & New York 2018.
Creación e interpretación: Arnau Pérez | Duración 10 min.
Un ser humano expresa a través de si unha idea inicial baseada só no seu aspecto superficial. Pero atópase a madurez dentro dese corpo ou é un elemento creado pola percepción externa? Son xa un adulto? Xa non son un cativo pero tampouco quero deixar de selo.

KINTSUGI / Iron Skulls / Coreografía premiada no Certamen Internacional de Coreografía Burgos & New York 2017.
Dirección: Iron Skulls Co | Coreografía e interpretación: Adrián Vega, Moisés “Moe”, Héctor Plaza “Buba”, Diego Garrido e Agnés Sales Martín | Duración: 14 min.
Kintsugi é unha técnica xaponesa de reparación de obxectos que se remonta ao século XV e unha filosofía que propón que as fírgoas e as reparacións forman parte da historia dun obxecto e non hai que agochalas. Estas deben embelecer o obxecto, deixando ao descuberto a súa transformación e o seu pasado. Interesados nas novas linguaxes e nos límites do movemento, Iron Skulls Co. mergúllase no formato de quinteto na busca da relación entre técnica, beleza e imperfección a través da danza.

Entrega de Premios

Premio SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2018
Premio del Público
Premio Joven
Premio finalista Danza en la Catedral – Bailando con Piedras / organizado por el Certamen Internacional de Coreografía Burgos – New York

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CdC |

Xornada sobre políticas culturais en Galicia: un debate necesario

mercartes18 1 |

As Artes Escénicas galegas, en Mercartes 2018