O circo e a danza centrarán a programación desta fin de semana no Salón Teatro de Santiago co espectáculo Futuro animal, da compañía Twisting the Balance, e o solo coreográfico Toda a beleza do mundo, de María Move.
O primeiro deles poderá verse no espazo do Centro Dramático Galego (CDG) este venres 30, ás 20:30, no marco da terceira edición do encontro de formación e innovación no circo D10!, organizado en Compostela por Pistacatro. O CDG, que tamén colaborou con esta iniciativa no desenvolvemento do taller “O actor de circo”, por un adestramento creativo, impartido polo italiano Roberto Magro a pasada semana na Cidade da Cultura de Galicia, acolle agora na súa sede a última proposta da compañía internacional Twisting the Balance.
En Futuro animal, a idea de fábula como xénero de ficción serve de punto de partida para construír un “(auto)retrato” das características universais da natureza humana, cos seus vicios e os seus costumes. Así, a potencia social, discursiva e poética do circo contemporáneo ponse ao servizo dunha visión distópica do futuro, no que os seres humanos están transformando voluntariamente os seus corpos nos de animais.
Os performers Leire Mesa e Edoardo María Virtú son os encargados de poñer en escena os diferentes números circenses desde espectáculo, con dirección e dramaturxia de Rolando San Martín, que chega a Santiago despois de ser representado en diferentes escenarios do resto de España, Suecia e Croacia.
Coreografía e voz
A continuación, a creadora leonesa afincada en Galicia María Move subirá ao escenario do Salón Teatro co seu solo de danza e voz Toda a beleza do mundo, do que ofrecerá funcións o sábado 1 de decembro, ás 20,30 h., e o domingo 2, ás 18,00 h.
Nesta proposta, o movemento expresa emocións puras e a danza amósase como un proceso ligado á nosa orixe e ao noso percorrido biográfico, mentres o son, a luz e o corpo viaxan a través do tempo. Neste sentido, ofréceselle ao público un percorrido que mestura as danzas tradicionais e os ritmos do corpo percutindo a terra coa danza contemporánea, a voz e o canto da intérprete.