O Teatro Rosalía da Coruña acolleu a entrega do premio correspondente ao I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración de 23 concellos e 3 deputacións. Teatro da Ramboia co proxecto realizado sobre o texto O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú foi a compañía gañadora e que poderá verse nos escenarios en 2019.
O xurado desta primeira edición estivo composto por Manuel Lourenzo (presidente), Belén Pichel e Francisco Cadaval (vogais) e Alberte Ansede (secretario sen voto) e estimou como mellor proxecto entre os presentados ao correspondente a Teatro da Ramboia, realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a dictadura franquista. O xurado destacou entre os valores da obra gañadora o amplo abano de público ao que se dirixe; a diversidade de espazos e ambientes nos que pode ser escenificado e a probada calidade artística do elenco que se propón, tanto na área do teatro actoral como na de monicreques, así como a súa coherencia co universo dramático de Manuel María e, en concreto, coa obra escollida. A compañía gañadora está integrada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín.
Este Certame está destinado ás compañías profesionais galegas e premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levalo a cabo no prazo de 10 meses e que supón o carácter bienal da convocatoria. O premio adopta unha fórmula orixinal xa que substancialmente non se premia con diñeiro, senón con representacións. Así, desde a Fundación faise unha achega económica de 2.000 euros, e tanto os concellos -A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo- como as deputacións adheridas -Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra- comprométense a que a obra gañadora sexa incluída na súa programación teatral. O resultado é, nesta edición, que a obra premiada xa parte cun número inicial de 26 representacións.