in

Xornadas profesionais de Escena Galega no Culturgal: momento de oportunidades (se nos deixan)

XornadasEG2018 |
Escena Galega celebrou as súas xa tradicionais xornadas de traballo dentro do Culturgal, nas que, entre outras cousas, se presentou o novo modelo de axudas da AGADIC ao sector.
| Texto: Roberto Pascual |
| Foto: Ana Díez |

 

Escena Galega organizou un ambicioso encontro no Culturgal baixo o título “Unha escena galega para o futuro: na busca de novos modelos e sinerxías para a xestión e creación nas Artes Escénicas”. Ante a ausencia dunha política teatral clara e precisa dende o Goberno galego, Escena Galega veuse convertendo nos últimos tempos tanto no principal interlocutor da AGADIC como no promotor principal para que sucedan certas reformas e estratexias encamiñadas á creación edifusión escénica.

Nas Xornadas anunciáronse asuntos moi relevantes, a maior parte deles ideados ou impulsados por Escena Galega, como o desexo de creación dun Centro de Recursos Escénicos Galego, na liña do Harrobia de Bilbao, xestionado pola plataforma profesional vasca de Eskena. Amaia Ibáñez, a súa xerente, explicou o proceso de creación e desenvolvemento dun centro de produción escénica que acolle procesos completos, acompañando dende a xestación ata o alzado. Unha infraestrutura rehabilitada, unha antiga igrexa, nun barrio periférico, obreiro e envellecido, con altos índices de tráfico e consumos de drogas na década de 1990, que contan con dous escenarios (un á italiana e outro diáfano), con taller de escenografía, oficinas e un piso dende 2011 en réxime de alugueiro social para o aloxamento de persoas vinculadas ás producións que se desprazan dende outros territorios. Un espazo que xa acolleu dende a súa posta en funcionamento a 34 compañías e 78 producións, que combina a esfera público-privado e o ámbito artístico co social con proxectos de teatro comunitario como o “Aullidos de Otxar”. Un lugar aberto e eficiente (non hai persoal de conserxería porque o centro abre e pecha con sistema de pegada dixital) e que funciona grazas a un dos eixes temáticos que se puxo sobre a mesa e que se evidencia como un motor que pode solventar trabas da burocracia ao servizo das lóxicas e dos procesos de creación artística, como son os convenios plurianuais, garantía de proxectos con carácter integral e entendidos como servizo público.

Na mesa da mañá tamén estiveron presentes relatos de experiencias diversas, pero todas elas con grande éxito comunitario ou artístico coma a do novo director artístico do CDV-Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, Ricardo Simoes, ou o Director Artístico de L’estruch de Sabadell, un espazo rehabilitado do patrimonio industrial da cidade ao servizo de novos fins para o avance social e artístico, que apoia proxectos en residencia tanto no ámbito das artes dixitais, coma visuais, de novo circo ou danza. Un espazo que destaca pola colaboración interdepartamental con institucións universitarias e escolas e que a dotan de identidade e especialización para o conxunto das artes escénicas.

Dende Galicia, nesa mesma mesa, Caterina Varela expuxo en nome do colectivo rpm os resultados de dúas edicións do programa Residencias Paraíso, que comezou cun orzamento de 18.000€ en 2017 a incrementar os apoios, non só da AGADIC, senón da Deputación da Coruña, Concello de Santiago e Facultade de Belas Artes de Pontevedra ata 68.000€ en 2018. Un proxecto interinstitucional e multisede, coordinado por 5 artistas xestoras, de momento en 9 espazos das catro provincias galegas e que se concibe como o ámbito privilexiado do I+D+i da creación e a investigación arredor das artes do movemento en Galicia, onde o ensaio erro son o motor principal da súa existencia. Un espazo exclusivo, pois como, indicou a propia Caterina Varela, outros que o poderían liderar, coma o Centro Coreográfico Galego, é unha fantasma, un morto vivinte que se mantén en pé para absorber recursos de xeito absolutamente ineficiente.

Logo dunha pausa, a mañá continuou á espera das novidades que Jacobo Sutil presentaría en relación coas axudas públicas, principal ámbito de actuación da actual AGADIC. Antes da súa intervención, Uxío Novo expuxo unha serie de recursos para a adhesión a fondos europeos, recordando neste senso utilidades desaproveitadas dende a AGADIC, como a reserva de fondos específicos para estimular a consecución de fondos dende o sector das Artes Escénicas e así diversificar o financiamento das mesmas en Galicia, con fondos coma o de Erasmus+ KA2, entre outros. Tamén apuntou Uxío que Galicia é unha das comunidades que menos aproveita estes fondos, cuestión que nos debería preocupar, relacionada quizais co feito da ausencia dunha antena rexional de recursos europeos para a cultura en Galicia. Sutil tirón de orellas á política cultural da Xunta de Galicia.


Publicidade

Por fin, Jacobo Sutil presentou o novo modelo maquillado de axudas á creación escénica, nova denominación para as axudas de produción. Antes diso falou de mudanzas, da necesidade de adaptarse a novos tempos, deixando caer cambios (aos que estaremos moi atentos) na RGTA e nas axudas a distribución. En canto ao novo modelo de axudas, o cambio obedece a tentar solucionar unha lóxica delirante do sector que obrigaba a ter unha produción anual se a empresa quería sobrevivir de xeito solvente, sen atender a cuestións prioritarias como a calidade, a estabilidade e a difusión da súa actividade de xeito amplo e óptimo. Por iso, unha das grandes novidades é a creación dunha categoría específica denominade de continuidade empresarial. Non quedaron moi claras as obrigas das entidades subvencionadas baixo este epígrafe, pero si o obxectivo, que é dar continuidade a un proxecto sen a presión de fabricar produtos coma se o teatro fosen salchichas ou coches en cadea. Volve polo tanto a estar sobre a mesa a importancia de convenios plurianuais como garantía de calidade e avance. Tamén destacou a creación de partidas específicas para danza e artes do movemento e un incremento xeral das axudas en base ao incremento do orzamento da AGADIC de cara a 2019. Neste senso, Belén Pichel, Presidenta de Escena Galega indicou que estas novas axudas son un avance, unha reforma do antigo modelo, obsoleto, mais que non é o modelo de axudas definitivo e co cal Escena Galega está totalmente satisfeito.

Finalmente, chegou a intervención dun polemista ou dun xestor escasamente sensato. Xavier Mercé ex-director do Institut Català de les Empreses Culturals e asesor cultural no Ajuntament de Barcelona, mostrouse intencionada ou non intencionadamente na estrela do debate da mañá, con declaracións de corte tatcheriano e neoliberal de gran calado, que ante o silencio discreto e educado de moitos dos asistentes, non deixan de ser alarmantes. Entre outras perlas, soltou que “os responsables de que o público encha ou non un teatro son os que están enriba dun escenario”.

Despois de explicar o modelo de axudas en Cataluña, as axudas coordinadas entre administracións (Generalitat, basicamente, á produción, o ámbito municipal aos espazos e as deputacións e Ministerio á distribución), tamén as cifras (15 millóns de euros destina a Generalitat ás Artes Escénicas), alén de fábricas de creación municipais como a Sala Beckett, Flyhard e toda a rede de teatros privados de Barcelona que reciben fondos públicos para o seu mantemento e outras axudas complementarias, chegou o espazo da polémica. Se a primeira parte foi expositiva, con asuntos interesantes coma o desenvolvemento de axudas reintegrables en base ao éxito da produción e aos seus beneficios ou retornos, chegou o momento do debate, considerando éxito exclusivamente un teatro cheo (gustaríanos saber se Xavier Mercé pecharía unha facultade universitaria estratéxica como Matemáticas sen encher nin moito menos a aula con 10 alumnos/as polo simple feito de que non dan os números) e non entendendo o carácter integral e a co-responsabilidade da mediación cultural (ou explicándoa mal). Alén disto, sorprendeuse do crecemento da contía das axudas en Galicia, que para el é extraordinario no conxunto do estado. Outro erro, sobre todo se temos en conta os datos do Consejo Artístico do INAEM e vemos que Galicia é unha das comunidades menos financiadas do estado en materia de Artes Escénicas xunto con Cantabria e Murcia ou que somos un país onde o noso teatro nacional, o CDG funciona cun orzamento de 253.749€ (datos da AGADIC no exercicio económico de 2017).

Depende de como se mire, Galicia vive un momento de creatividade, oportunidades e entusiasmo no sector, se nos deixan, con rigor e sen disfraces e maquillaxes, avanzar en converxencia cara modelos sostibles, públicos e de calidade, coma os que soñou Jean Vilar para Francia, non Margaret Tatcher para o Reino Unido (tempos e ideoloxías ben diferentes e con repercusións reais para as persoas, non só para os artistas).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Residencias paraíso |

Presentados os proxectos da segunda edición das Residencias Paraíso

PracidoDomingo©JoaquinLeal |

A compañía Prácido Domingo acada o Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid