O proceso realizarase en exclusiva a través da aplicación en liña incluída na web da AAAG.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XXIII Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018. O prazo de inscrición iníciase hoxe, xoves 13 de decembro, e pecha o 7 de xaneiro ás 15.00 horas. As bases completas dos galardóns pódense consultar na web da AAAG.
O proceso tanto de inscrición como de votación realizarase integramente a través da rede, mediante a páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A ferramenta de inscrición pódese atopar nesta ligazón, dentro da sección específica para os Premios de Teatro María Casares, que contén unha ampla base de datos dos espectáculos presentados ao longo das anteriores edicións e que irá incorporando as producións que se presenten a este galardón. No formulario, as compañías han de incorporar un programa, cartel e fotografías do espectáculo, ademais de indicar os seus candidatos nas diferentes categorías.
Os Premios de Teatro María Casares –que adoitan contar coa apoio de entidades e institucións como Agadic, o Concello da Coruña ou a Deputación da Coruña–, entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector.
En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario.
Durante a gala, que se celebrará o 21 de marzo, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.