O Teatro Colón celebra o seu 70º aniversario

Unha mesa redonda sobre a historia do recinto e a proxección de ‘Carta de una desconocida’ formarán parte da programación especial.

 

O Concello da Coruña celebrará este venres, día 14, o 70° aniversario do Teatro Colón cunha programación especial na que fará un percorrido pola historia do recinto e proxectará unha das películas que se exhibiron durante o seu primeiro ano. O edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salienta que esta Homenaxe 70 anos do Teatro Colón será unha ocasión “para dar a coñecer as potencialidades dun espazo emblemático, un dos piares da vida social, artística e cultural da Coruña do último século, e sobre o que o goberno local ten previsto dotar de ferramentas para crear e xerar novos procesos artísticos”.

A programación comezará ás 18:30, cunha serie de visitas guiadas polo equipamento. A partir das 20:30 comezará o evento, cunha mesa redonda na que se fará un percorrido pola historia do Colón. Neste espazo participarán a actual directora, Bettina Kohlhaas, e o primeiro xerente do recinto, Luis Seoane Seijas, ademais do arquitecto responsable da obra de remodelación, Cristóbal Crespo, o produtor cinematográfico Javier Ozores Marchesi, e unha representante da familia promotora do recinto, Isabel Rey. De seguido, proxectarase unha das películas que formaron parte da carteleira do Colón no ano 1947, Carta de una desconocida, de Max Ophüls.

A entrada á Homenaxe 70 anos do Teatro Colón será de balde, previa retirada do convite no despacho de billetes do teatro da avenida da Mariña, o propio venres 14, a partir das 18.30 horas.

Deixar unha resposta