in

Consagrados e contemporáneos no Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro da Coruña

ReiMorreGEP |
O concelleiro José Manuel Sande e o director do Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez, presentaron onte as propostas da nova tempada, que comezará o 18 de xaneiro.

 

O equilibrio entre adaptacións de obras consagradas e de creación contemporánea define a nova programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía, que se desenvolverá entre o 18 de xaneiro e o 1 de xuño de 2019. A tempada de inverno-primavera do recinto municipal contará con 13 espectáculos e recuperará dous que foron suspendidos por enfermidade das actrices protagonistas, Cinco horas con Mario e El Funeral, nas que participan Lola Herrera e Concha Velasco, respectivamente.

O Ciclo Principal comezará na fin de semana do 18 e 19 de xaneiro, coa representación de El precio, de Arthur Miller, e baixo a dirección de Silvia Munt, nunha adaptación que está a resultar un dos grandes éxitos da tempada e que conta no seu reparto con Tristán Ulloa e Eduardo Blanco. A segunda proposta chegará os días 1 e 2 de febreiro, coa compañía galega Teatro do Atlántico, na que María Barcala e María Ángeles Iglesias, baixo a dirección de Xulio Lago,  porán en escena Dúas donas que bailan, de Josep Mª Benet i Jornet.

Á semana seguinte, os días 8 e 9 de febreiro, o Teatro Rosalía acollerá a representación de Jane Eyre: una autobiografía, unha adaptación de Anna María Ricart da obra de Charlotte Brontë protagonizada por Ariadna Gil e que dirixe Carme Portaceli. A programación aposta pola presenza de mulleres directoras e, así, tamén no seguinte espectáculo, que terá lugar o 15 de febreiro, a compañía José y sus hermanas, baixo a dirección de Silvia Ferrando, ofrecerá Los bancos regalan sandwicheras y chorizos, “unha comedia que aborda o franquismo e memoria histórica desde o punto de vista da mocidade”, apuntou Paulo Rodríguez, director do Rosalía de Castro.

O clásico Señora de rojo sobre fondo gris, de Miguel Delibes, con José Sacristán como protagonista e José Sámano como director, abrirá a programación de marzo, os días 9 e 10. Será o único espectáculo do ciclo que se represente en sábado e domingo. Na fin de semana do 22 e 23 de marzo chegará unha proposta que está a acadar moitos éxitos esta tempada, ¿Quién es el Sr. Schmitt?, de Sèbastien Thièry, dirixida por Sergio Peris-Mencheta e que conta no seu reparto con Javier Gutiérrez e Cristina Castaño.


Publicidade

Á semana seguinte, e coincidindo co Día Mundial do Teatro, o mércores 27 de marzo terá lugar a representación de The Island, que se enmarca dentro do Festival Nómada de Cultura Africana Harmatán, unha experiencia piloto “da que a cidade formará parte, por vez primeira, este ano”, expuxo Rodríguez. Así, A Coruña será un dos tres municipios do Estado, xunto con Murcia e Móstoles, nos que se poderá gozar deste espectáculo, que estará acompañado, ademais da función teatral da compañía Deux Temps Trois Movements, de Burkina Faso, dunha completa programación con peza de danza, charla e proxección cinematográfica. “Estamos a falar dunha experiencia fermosa e dunha proposta gourmet que se representará en francés con subtítulos en castelán”, apuntou o programador.

Na última fin de semana de marzo, os días 29 e 30, será a quenda de Claudia, unha proposta da compañía La Conquesta del Pol Sud que forma parte dunha triloxía documental escénica e na que a propia Claudia Victoria Poblete Hlaczik narra a súa experiencia vital como unha das nenas roubadas durante a ditadura arxentina. Na semana seguinte, xa no mes de abril, os días 5 e 6 terá lugar un espectáculo de gran formato da Compañía Nacional de Teatro Clásico, que interpretará El castigo sin venganza, de Lope de Vega, baixo a dirección de Helena Pimenta. Contra final de mes, o día 28, terá lugar a función de El Funeral, prevista para o pasado 25 de setembro, e cuxa entrada é válida para este pase.

No mes de maio, os días 3 e 4, un percorrido de 150 anos sobre a historia do capitalismo, a través da construción e caída do imperio Lehman Brothers, será o eixo da obra Lehman Trilogy, un espectáculo de longa duración, dirixido tamén por Peris-Mencheta, que conta con máis de 120 personaxes no texto. Dúas semanas despois, e con motivo da programación especial polas Letras Galegas, Sarabela Teatro presentará os días 17 e 18, baixo a dirección de Ana Vallés, a obra O rei morre, de Eugène Ionesco. Finalmente, na última fin de semana, os días 31 de maio e 1 de xuño recuperaranse as funcións de Cinco horas con Mario, dirixida por Josefina Molina e con Lola Herrera no papel de Carmen Sotillo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ValleDixital |

Valle Inclán entra na Rede

EspiaUnaMujerQueSeMata |

Presentada a programación do Principal de Ourense para o primeiro semestre de 2019