in

Presentada a programación do Principal de Ourense para o primeiro semestre de 2019

EspiaUnaMujerQueSeMata |

O Teatro Principal de Ourense anunciou onte a carteleira escénica e musical que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2019. Antes, ofrecerá cinco montaxes para rematar o 2018, comezando por Crimen y telón, que Ron Lalá porá en escena este mesmo venres. O resto insírese na programación da MOTI, Mostra de Teatro Infantil de Ourense: Arte’n’rúa, que presentará un espectáculo multidisciplinar para público familiar ambientado nas artes de rúa e urbanas o 26 de decembro; Caramuxo Teatro, que estará o 27 de decembro coa obra Ela, unha homenaxe á pintora Maruxa Mallo; Eme2 Emoción &Arte, que porá en escena o 28 de decembro Contacreques; e Tanxarina Títeres, que chegará o 29 de decembro con A galiña azul, a emblemática peza de Carlos Casares.

Espía a una mujer que se mata, de Daniel Veronese, escrita a partir do Tio Vania de Chekhov, estrenará a programación teatral de 2019 o día 18 de xaneiro, cun elenco no que destacan Ginés García Millán, Natalia Verbeke o Marina Salas.

Despois virán espectáculos como Jane Eyre, producido orixinalmente polo Teatre Lliure de Barcelona e protagonizado por Ariadna Gil baixo a dirección de Carmen Portaceli, a partir da novela de Charlotte Brontë, o 10 de febreiro. O 16 dese mesmo mes A leituga, da compañía Eme2, aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún momento nas nosas vidas. Qué facer cos nosos pais cando se achegan á morte?

En marzo, chegan dúas obras dirixidas por Pascal Rambert, unha das figuras máis brillantes do teatro contemporáneo europeo: Ensayo e Hermanas, o 9 e o 30 de marzo respectivamente. A primeira conta a historia de catro amigos que traballan xuntos desde hai tempo e teñen un pasado cheo de vivencias e de desexos que lles une, que se citan para ensaiar unha nova obra. A segunda, conta un conflito entre dúas irmás e forma parte dun experimento no que o director frances dirixe dous elencos diferentes para facer dúas versións da mesma obra en España e en Francia.

O 7 de abril, Producións Teatrais Excéntricas levara ata Ourense Carpe Diem, unha atrevida tentativa de converter en teatro un dos mais excitantes contos de Rubem Fonseca, gañador do Premio Camões en 2003. Dirixida por Quico Cadaval, a obra conta no seu elenco con Víctor Mosqueira, María Costas, Mon Orencio e Marcos Viéitez. Catro días despois, o 11 de abril, unha coprodución do Teatro Español de Madrid e Teatro del Barrio, Mundo obrero, dirixida por Alberto San Juan, fará un repaso das loitas de clase ao longo do século XX.


Publicidade

O 26 de abril chegará Hablar por hablar, de Anna R. Costa e Fernando Sánchez Cabezudo, e dirixida por este último; inspirado nas historias de madrugada do lendario programa de radio da Cadena Ser, o espectáculo pretende levar ao escenario dun teatro o ambiente dun programa de radio de madrugada.

Xa en maio, o día 4, Rojo, de John Logan e con dirección de Gerardo Vera, traerá a Juan Echanove no papel do pintor Mark Rothko enfrontándose ao que quizais é o seu maior reto profesional e o seu peor dilema ético: pintar unha serie de murais, extraordinariamente ben pagos, que deberán decorar o elitista restaurante Four Seasons de Nova York. O día 9 de abril, Lola Herrera volverá co recoñecido clásico de Miguel Delibes Cinco horas con Mario.

En xuño, o día 7, outra obra de Delibes chegará ás táboas do Principal: Señora de rojo sobre fondo gris, con José Sacristán no papel dun pintor, con moitos anos no oficio, sumido nunha crise creativa. Finalmente, o día 13 do mesmo mes, Josep María Flotats trae o seu Voltaire / Rousseau, unha gran escena doméstica, onde os dous filósofos enfrontan as súas ideas acerca de Deus, a igualdade, a educación e o teatro. Dúas maneiras igualmente xenerosas pero moi distintas de concibir a sociedade.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ReiMorreGEP |

Consagrados e contemporáneos no Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro da Coruña

Eroski Paraíso de Chévere

‘Eroski Paraíso’ abre o programa do García Barbón de Vigo para o primeiro semestre de 2019