A programación para a primavera, que comeza o vindeiro día 25, trae once propostas teatrais, tanto para público xeral como familiar.
O centro municipal do Fórum Metropolitano acolle as edicións de primavera dos ciclos Sen Numerar e Todo Público, con dous programas deseñados para achegar as artes escénicas en pequeno e a un público familiar.
As propostas de Sen Numerar poderán comezar a verse dende o 25 de xaneiro, coa representación de De abrentes e de ocasos, da compañía Teatro do Atlántico e que conta coa música en directo de Nani García ao piano. No mes de febreiro haberá dúas citas, a primeira o día 8, con Vida, da Compañía Javier Aranda, e a segunda de Calema Producciones titulada Los Nadies. A seguinte representación, a cargo de Félix Albo Producciones, chegará o día 30 de marzo con Tanatorium. A compañía La estampida sube ao escenario do centro municipal a súa obra Lo nunca visto o día 6 de abril. O ciclo péchase o 16 de maio co STRPTS: Fin de tempada, una proposta que chega da man da Cinema Sticado. Todas as actuacións comezan ás 21:00 e teñen un prezo de nove euros, a excepción de Vida, que custa seis, e contan cos descontos habituais para persoas titulares do Carné Xove, maiores de 65 anos e desempregadas.
A programación de artes escénicas do Fórum Metropolitano para os vindeiros meses complétase con Todo Público, dirixida a un público infantil e familiar. Comeza o día 2 de febreiro con Gaia, unha proposta didáctica de Entremáns en torno ao medio ambiente. A seguinte cita é Patapatum, de Elefante Elegante, unha reflexión sobre o tempo e a crianza que se representa o 16 de marzo. No mes de abril, o día 27, La Canica conta dende o escenario Historias de un calcetín. A compañía Teatro Paraíso transporta aos e ás máis pequenas a un mundo poética en De todo corazón o día 25 de maio. O ciclo remata con Arlequina, un espectáculo que combina a actuación, a maxia e as marionetas de Monicreques de Kukas. Todas as actuacións deste ciclo, que están recomendadas para nenos e nenas maiores de catro anos, represéntanse ás 18.30 horas. A entrada xeral custa seis euros, dous no caso de menores de tres anos, e existe a posibilidade de comprar un abono de tres entradas por 15 euros.
As entradas para todos os espectáculos xa están a venda no despacho de billetes da praza de Ourense, a través do web www.ticketea.com e o teléfono 902.044.226. Poderanse adquirir tamén no propio Fórum Metropolitano o día da representación, antes da función, no caso de contar con entradas dispoñibles.