Eroski Paraíso é a primeira produción da compañía Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro. Estreada en marzo de 2016 en Donostia, despedirase a comezos de 2019 superando as 120 funcións en 63 localidades de 12 comunidades autónomas, con asistencia de máis de 30.000 persoas, converténdose nun dos espectáculos galegos máis visto e con maior proxección estatal dos últimos anos. En Madrid foi programada durante un mes nas Naves de Matadero, esgotando as entradas a última fin se semana. Tamén se presentou en teatros tan importantes como o Central de Sevilla, esgotando as entradas nas dúas funcións, no Corral de Comedias de Alcalá, no Teatro del Mercado de Zaragoza, no Teatro Alhambra de Granada, en festivais como o de Autores Contemporáneos de Alicante, Tercera Setmana de Valencia…
As últimas funcións terán lugar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo este sábado 2 de febreiro ás 20:30, no Auditorio Municipal Hernán Naval, de Ribadeo, o domingo día 3 ás 20:00.
Ao fío destas funcións, a Librería Trama (Avda. da Coruña, 21) acollerá o sábado, ás 12:30 horas, a presentación da BIBLIOTECA DE TEATRO, unha colección de libros editados por Kalandraka que abrangue o propio Eroski Paraíso, xunto con obras tan emblemáticas como Río Bravo e Annus Horríbilis.
O director artístico de Chévere, Xesús Ron, e dous dos protagonistas do espectáculo, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, participarán neste encontro aberto ao público.