A asociación cultural A Pomba do Arco de Foz organiza este xoves, 31 de xaneiro, ás 20.30, no Cenima de Foz, unha charla sobre “O teatro de Manuel María”, con Pilar García Negro e Alberte Ansede, en que se presentará o volume Obra Teatral de Manuel María.
Obra teatral reúne, por primeira vez, as 33 obras de teatro que deixou escritas Manuel María, nun único volume de setecentas corenta páxinas. A edición da obra estivo a cargo da profesora da Universidade da Coruña e estudosa do teatro do autor, Mª Pilar García Negro. Moitas das pezas que se recollen no volume eran inéditas ou de difícil localización e, no seu conxunto, dan boa mostra da salientábel e importante achega ao teatro galego e o lugar sobranceiro que a dramaturxia ten na obra literaria de Manuel María.
Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, e María Pilar García Negro, responsábel da edición, serán as persoas encarregadas de presentar o volume en Foz.