Este domingo 3 de febreiro, Avento Producións estreará Ummm! no Auditorio Municipal de Vigo. Trátase dun novo espectáculo músical para público familiar que seguirá o ronsel doutras producións da compañía como Aladino e a lámpada marabillosa ou Hansel e Gretel.
A sinopse de Ummm! explica que “a pastelaría de Dona Remedios ten cada vez menos clientela porque a súa dependenta, Ana, só sabe facer boliños de crema. Para facer fronte a este problema, Dona Remedios decide contratar un novo axudante quen de achegar novas ideas e facer os doces que a xente está a demandar nestes días. O problema é que, ás veces, esas novas ideas da cociña moderna poden entrar en conflito co bo facer máis clásico de Ana”.
Ademais, a compañía estreará, na Sala Ingrávida do Porriño, ese mesmo día ás 12:00, Polo meu aniversario… superpoderes!, outro espectáculo infantil co que abren un ciclo de teatro familiar na sala porriñesa.
Avento Producións Teatrais é unha compañía fundada no ano 85 e que foi referente teatral no Vigo desa época. Logo, a como compañía amateur, gañou 70 premios en certames estatais. Actualmente, de novo como compañía profesional, leva estreados varios espectáculos musicais para público familiar como Aladino e a lámpada marabillosa, Hansel e Gretel, Fantasticks ou O mago de Oz.