in

IV Festival Internacional do Monólogo Teatral ‘Singular’ en Narón

emilia |

O Pazo da Cultura de Narón acollerá o vindeiro mes de marzo unha nova edición, a cuarta, do Festival internacional do monólogo teatral Singular. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, presentaron onte o programa, que consta dunha mesa redonda o día 7 de marzo e sete monólogos teatrais que se representarán entre os días 9 e 29 do vindeiro mes no Pazo. As entradas para os sete espectáculos, a cargo de compañías galegas, nacionais e internacionais, poden adquirirse xa na billeteira do Pazo da Cultura.

O Festival Singular inaugurarase cunha mesa redonda no Café Teatro do Pazo da Cultura. A cita será o 7 de marzo a partir das 19:00 e na mesma cinco profesionais das artes escénicas: María Barcala, Marián Bañobre, Mercedes Castro e Xesús Ron, moderados pola directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras, falarán sobre “Cómo enfrontarse á creación dun espectáculo unipersoal”.

O primeiro monólogo teatral será o día 9 de marzo, ás 20:00, e correrá a cargo da compañía andaluza Rosario Pardo, que representará a obra Los días de la nieve. A protagonista desta obra é unha costureira, chamada Josefina Manresa e á que lle encargan un vestido azul. Mentras realiza o traballo a costureira fai un repaso pola súa vida, cargada de amor pero tamén dalgunhas desgrazas e na que unha das incógnitas pasará por coñecer quen lle encargou o vestido.

Na xornada do día 10 do vindeiro mes será o turno da compañía Freddy Ginebra, de República Dominicana, que se subirá ao escenario do Café Teatro do Pazo para representar, ás 19:00, a obra Un sueño, una casa, medio siglo y muchas historias. A temática desta obra xira en torno á historia da fundación dunha casa de teatro, poesía, ubicada no centro de Santo Domingo. Ambientada na época da ditadura, a intelixencia e o humor combínanse neste espectáculo co fin de manter viva esta institución.

A terceira representación do ciclo Festival Singular será o día 15 de marzo. Nesa ocasión, e tamén no Café Teatro do Pazo da Cultura, subirase ao escenario, ás 20:30, a compañía galega A quinta do cuadrante, para representar O empapelado amarelo. Esta obra é toda unha posta en valor do papel das mulleres como creadoras ao longo da historia; un monólogo que reflexiona sobre os problemas actuais do papel da muller como nai, en referencia aos seus roles no fogar, e tamén unha defensa á liberdade individual e unha aposta pola rebelión contra o mercantilismo.

Yo no estoy loca é a obra que dará continuidade, o día 16 de marzo ás 20:00, a este Festival Singular. De novo unha compañía internacional, neste caso de Colombia, Teatro Petra, chega a Narón cun espectáculo centrado nas historias dunha muller que sae dos cánones tradicionais, aínda vivindo nunha sociedade tradicional. Historias baseadas na vida real, en concreto sobre unha infidelidade que, á vista da reacción da esposa, fai crer á xente que está tola, unha crenza que aplican a moitos outros ámbitos en función de diferentes situacións que vive a muller.


Publicidade

A compañía madrileña Teatro del Barrio tamén participará no Festival Singular. Será o día 22 de marzo coa obra Emilia, que representará a partir das 20:30. Este monólogo teatral é a primeira parte da triloxía Mulleres que se atreven, e na que o autor trata de posicionar a mulleres brillantes da historia no lugar que lles corresponde, dándoas a coñecer. Neste caso, Emilia amosa a loita da novelista galega Emilia Pardo Bazán, unha muller do século XIX que escribe e tratou de ingresar na Real Academia da Lingua, aínda sendo reprobada por moitos dos seus contemporáneos.

O día 23 de marzo representarase a obra Tanatorium, da compañía valenciana Félix Albo. Será a partir das 20:00 cando comece este espectáculo, cargado de humor e emoción. Un home entra no recibidor dun tanatorio xusto cando se vai a luz e a escuridade, o silencio e unha incómoda humidade do edificio dan paso a un soliloquio co que percorre varias vidas ata chegar á súa propia.

Finalmente, unha compañía galega, Mona Productora, pechará o Festival Singular, o día 29 de marzo. Representará a obra Anatomía dunha serea, a partir das 20:00, contando unha historia protagonizada por unha muller que padeceu a violencia obstétrica sufrida durante un embarazo e o parto, narrando o sucedido dun xeito autocrítico.

O prezo das entradas para cada un destes espectáculos é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MetodoNegro03 |

Javier Martín presenta o seu ‘Método negro’ en Madrid

licenciada |

Licenciada Sotelo estrea ‘A Gala’ en Ourense