Ibuprofeno Teatro obtén cinco candidaturas por Casa O’Rei e Matarile outras cinco por Circo de pulgas.
O Comité Organizador dos Premios Max de las Artes Escénicas deu a coñecer os candidatos ás 19 categorías a concurso da 22ª edición destes galardóns organizados pola Fundación SGAE, cuxo propósito é estimular e premiar o talento dos profesionais do Teatro e a Danza, ademais da promoción dos espectáculos da tempada.
Un total de 119 espectáculos dos 358 inscritos foron seleccionados para participar como candidatos na 22ª edición dos Premios Max de las Artes Escénicas, tal e como decidiron, nesta primera fase, os tres xurados territoriais designados polo Comité Organizador.
Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, obtén cinco candidaturas: Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (Santiago Cortegoso), Mellor Escenografia (Pablo Giráldez “Pastor”), Mellor Adaptación de texto (Santiago Cortegoso) e Mellor Actor Protagonista (Miguel Borines).
Circo de Pulgas, de Matarile Teatro, pola súa banda, obtén outras cinco: Mellor Espectáculo, Mellor Autoría Teatral (Ana Vallés), Mellor Dirección (Ana Vallés), Mellor Escenografía (Baltasar Patiño) e Mellor Iluminación (Baltasar Patiño).
Despois da primeira fase de selección, un tribunal formado polos tres presidentes dos xurados territoriais, catro persoeiros das Artes Escénicas e un membro do Comité Organizador, será o encargado de decidir os finalistas das 19 categorías que concursan á 22ª edición dos Premios Max de las Artes Escénicas.
O Comité Organizador da 22ª edición dos Premios Max de las Artes Escénicas está composto por Ana Graciani, presidenta da Fundación SGAE, Pilar Jurado, directora institucional de Artes Escénicas da Fundación SGAE, os dramaturgos Eduardo Galán, Yolanda García Serrano, Juan Luis Mira, Paloma Pedrero e a coreógrafa María Pagés (membros do Colegio de Gran Derecho de la SGAE).
Ademais, o Comité Organizador dos Premios Max anuncia a apertura do período de votacións para o Premio Max do Público. Este galardón recoñecerá, por segundo ano consecutivo, o espectáculo favorito desta tempada para os seareiros das Artes Escénicas de entre todos os candidatos que compiten na 22 edición dos Max.
A lista completa das candidaturas pódese consultar aquí.
Foto: Diego Seixo (unha escena de Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro).