O 20 de marzo celébrase o Día Mundial do Teatro para a Infancia e a Mocidade e ASSITEJ (Asociación Internacional de Teatro para a Infancia e a Mocidade) quere celebralo coa mensaxe ‘Leva a unha crianza ao teatro hoxe’, lembrando o valor do teatro no desenvolvemento da infancia e a mocidade. Máis de 90 países sumaranse a esta celebración. O Día Mundial é unha campaña global. ASSITEJ ten máis de 90 centros nacionais así como redes profesionais con afiliados en 100 países.
As mensaxes deste ano foron escritas por Joyee, de 8 anos, da India, e por Jojo, de 11 anos, procedente de Australia. Ámbalas dúas son nenas que asisten a House of Muchness, en Brunswick, Australia. Non son escritoras de renome, só son reflexións de dúas nenas procedentes de lugares moi diferentes. En House of Muchness existe un ambiente onde a xente máis nova pode pertencer a un colectivo e construír relacións sociais, expresións artísticas e atopar compañeiras de creación. As súas mensaxes son a transcrición dunha conversa coa fundadora e directora artística, Alex Walker.
Tamén escribiu unha mensaxe, como cada ano, a presidenta de ASSITEJ Internacional, Yvette Hardie, de Sudáfrica.
Mensaxe de Yvette Hardie, presidenta de ASSITEJ
Vivimos nun mundo esgazado pola división e a confrontación. Ao noso redor, por todas partes, atopamos líderes e estratexias co obxectivo de enfrontar ás persoas por motivos de raza, idioma, cultura, posición económica, xénero, orientación sexual, lealdades a unha idea, pertenza… Case todo o que nos fai humanas foi usado por alguén para xerar unha maior división e para construír muros máis altos levantados sobre a sospeita e o odio. Deste modo, aparentemente virámoslle as costas ao concepto de ubunto, a ética africana que declara: “Son porque es” e “unha persoa é persoa mediante as relacións con outras persoas”.
Que podemos facer para reverter este abismal dano que lles estamos causando aos nosos fillos e fillas e, de feito, a nós mesmas?
Os nenos e as nenas precisan poder gozar de momentos en comunidade onde se lles lembre o que compartimos e onde poidan apreciar as múltiples realidades do que significa ser humano. Precisan espazos nos que explorar novas formas de pensamento que desafíen estas narrativas da confrontación, nos que empaticen con quen máis se diferencian deles mesmos. Precisan experiencias concretas de comuñón, comunitarias, que lles lembren a alegría e a beleza que o mundo ofrece.
ASSITEJ entende que o teatro proporciona múltiples vías de acceso a un maior sentimento de vinculación cos demais, e (o que é máis importante) con nós mesmos.
Recentemente, o New Victory Theater de Nova York publicou os resultados de cinco anos de estudos dos beneficios do teatro para nenos, xente nova. Un dos achados máis relevantes e inesperados é que a exposición ao teatro ofreceulles a estes nenos e nenas unha maior esperanza no futuro. Os resultados foron contrastados nun grupo de control onde as persoas que non foron asistiron a representacións teatrais e obradoiros nese mesmo período e manifestaron unha percepción máis pesimista das súas posibilidades futuras en termos de oportunidades de estudo e de traballo.
Por que é tan importante a esperanza? A esperanza produce enerxía positiva que se traduce en confianza, forza de vontade, resistencia e, finalmente, en accións concretas para marcar unha diferenza na vida propia e allea. Todo neno necesita esperanza.
Así pois, comprometémonos a levar a un neno, nena o mozo ao teatro hoxe e a reunir o apoio necesario para garantir que todos os nenos e nenas teñan acceso ás artes e ao teatro, independentemente das súas circunstancias persoais e sociais.. E en canto aos que traballamos no sector, comprometámonos a proporcionar experiencias de calidade que supoñan un cambio na forma en que as xeracións máis novas perciben o mundo: fagámolo polo ben do mundo actual e polo futuro.
Mensaxe de Joyee
Todo está relacionado co teatro. Nacín nun lugar onde o teatro era moi especial. Na India.
E aínda que estaba nun orfanato, sabía que o teatro era moi importante alí. A miña nai é parte do teatro. Eu son parte do teatro. Fago House of Muchness, que é un tipo de teatro… facemos espectáculos. Cousas como esa. Todos os nenos teñen dereito a facer cousas divertidas, como House of Muchness. Tamén fago Bollywood porque é de onde veño.
Todo é teatro. É difícil de explicar. Non intentaría explicarllo a alguén que non o entendera, simplemente levaríao, amosaríallo e así veríao el mesmo.
O teatro es ti. Todo que fas é teatro. Todo o que te rodea é teatro. Ti es teatro. Todo o teu corpo traballa xunto como no teatro. Para facer un gran espectáculo. E ese espectáculo é a túa vida.
Sen teatro non habería imaxinación. A xente non sería quen de ser ela mesma. Sen historias, todo o mundo aburriríase sempre. Estarían un pouco tristes, non se sentirían demasiado ben. Sería como a lúa. Ninguén podería comunicarse cos demais polos sombreiros grandes.
Se non tes imaxinación… ben, o único que pode arranxar iso é o teatro. Faiche aprender cousas. Pode ensinarche cousas sobre o amor. Como se ve de diferentes maneiras. E como diferentes persoas que quizais non saben se poden amarse… ben, pois si que poden. Se é unha historia realmente boa, pode cambiarnos de verdade. O teatro é especial, é bo e é bonito. E temos que sentir todos os sentimentos: se un espectáculo nos fai sentir tristes, entón tamén pode facernos sentir esperanza… de que algo bo pode pasar despois. E case sempre pasa.
Mensaxe de Jojo
Teño 11 anos e son disléxica. Son unha persoa que di algunhas palabrotas. Quero que a xente me entenda como son. Quero ser parte de algo. Son unha persoa que quere cambiar o mundo. Formo parte do Partido dos Nenos, que vai dos nenos e as ideas e a política nun espectáculo de teatro. Podería empezar a cambiar o mundo desta maneira.
O teatro é importante porque conta historias. As historias ensinan a xeracións e xeracións de persoas o que está pasando. De onde veñen, por que están aquí e que fan aquí. Cousas que temos que saber. Así podemos entender á xente e o que fan.
O meu primeiro espectáculo foi en realidade un festival de música en Adelaida cando estaba na barriga da miña mamá. O primeiro espectáculo de teatro que lembro foi unha ópera. Porque a prima de Roger é cantante de ópera. Roger era o meu avó.
Encántame o teatro no que tes que usar a imaxinación, a túa propia imaxinación, que é diferente á dos demais. Ese no que as cousas son difíciles de ver ou non están aí, tes que imaxinalas. Inventalas. E entón podes velas claramente. Pero a xente pode ter unha historia ou imaxes diferentes na súa cabeza en comparación co que está na miña cabeza
Se non levas aos nenos ao teatro, entón o teatro acabará. O teatro mostra vidas, corazóns e almas en acción. Se levara a un neno ao teatro, a un neno pequeno, non lle explicaría nin lle diría nada polo camiño. Deixaría que o vise e que logo mo explicase.
Se me dixesen que non podo ver máis teatro, poríame triste, enfadaríame.
Se non vise algunhas das cousas que vin no teatro, eu non sería eu.
E gústame como son.