in

20M, por Paula Carballeira

puppets |
| Texto: Paula Carballeira |

 

O 20 de Marzo é o Día da Narración Oral. Tamén é o Día do Teatro Infantil. O mesmo día. Non chegan as horas. A miúdo realízanse actividades ao respecto: de ou sobre a narración oral, de ou sobre o teatro infantil. As veces que teño participado nelas, avísolles ás nenas e aos nenos que cando lle adicamos un día a algo, ese algo ten problemas. Polo xeral, problemas de respecto, de atención, de recoñecemento. No caso de ser infantil, os problemas multiplícanse. Hai un Día do Libro e un Día do Libro Infantil. Hai un Día do Teatro e un Día do Teatro Infantil. Coa Narración Oral aínda non acontece, quizais porque esa terminoloxía non a aplicamos cando o público é infantil. Semella que non narramos oralmente para nenas e nenos, senón que contamos contos. Se nos paramos a pensar en que quen designamos os Días destinados a prestar atención, recoñecemento e respecto somos as persoas adultas, como tamén somos as persoas adultas as que acordamos as definicións para o que estamos a realizar, non entendo esa diferenza de denominación, asociada moitas veces a unha maior consideración profesional. Independentemente da idade do público, cando contamos historias narramos oralmente, e viceversa. Se non o facemos, teremos que buscar outra data, ou compartir unha data diferente do 20 de marzo, que xa non ten ocos.

Non chegan os días do calendario para tanto ao que devolverlle a dignidade que nós mesmas, nós mesmos, lle roubamos ou, peor, nin sequera lle outorgamos de comezo. E non digo que non se lle dea visibilidade, aínda que sexa efémera, ao que doutro xeito seguiría quedando agochado, e que aínda que sexa por unhas horas, as de luz e poida que as de vixilia, lle concedamos prioridade. Porén, cando unha grande porcentaxe da túa vida está destinada á narración oral e ao teatro, sobre todo no eido infantil, sabes que o teu esforzo debe ser constante, porque a memoria é fráxil e iranse esquecendo algunhas loitas pasado o seu día.


Publicidade

Por certo, o 20 de Marzo tamén é o Día Internacional da Felicidade.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ASSITEJ2019b |

Mensaxes do Día Mundial do Teatro para a Infancia e a Mocidade 2019

PremiBorn2018 1 |

Convocado o Premi Born 2019