in

Escena Galega entra na organización de Galicia Escena Pro

GEP2019 |
A xestión conxunta entre a Agadic e a asociación galega de empresas de artes escénicas é unha das principais novidades deste mercado profesional, que mantén como obxectivo dinamizar a contratación das montaxes producidas en Galicia

 

A sétima edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido cada ano pola Xunta, desenvolverase do 10 ao 13 de xuño baixo a organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación Escena Galega. A implicación directa deste colectivo empresarial no proceso de xestión do evento é a principal novidade deste ano, a través da que a Administración autonómica busca estreitar o diálogo co sector e, en consecuencia, reforzar a finalidade coa que Galicia Escena PRO botou a andar en 2013 para servir de estímulo á contratación dos espectáculos producidos na nosa Comunidade.

O mercado acaba de abrir ata o vindeiro 27 de marzo, ás 15:00, o prazo para que as compañías galegas inscriban en www.galiciaescenapro.gal as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia, tanto xa estreadas –non antes do 1 de xuño de 2018– ou preparadas para seren estreadas neste encontro, como en fase de proxecto.

 

Dirección artística da asociación


Publicidade

Tras a finalización do prazo, unha dirección artística nomeada por Escena Galega e integrada por profesionais do sector será a encargada de seleccionar as producións galegas que se exhibirán no programa de espectáculos, así como os proxectos que se presentarán en formato pitching diante dos profesionais acreditados.

Galicia Escena PRO mantén como prioridade estimular a dinámica comercial do sector, ofrecéndolles ás empresas galegas de produción e distribución escénica un espazo para o encontro con programadores e demais axentes culturais. Ao tempo, incídese na posta en valor e na proxección social da creación galega, da que se exhibirá unha escolma en catro escenarios: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal.

Como en anos anteriores, o mercado abriralle a súa carteleira de espectáculos tanto aos axentes culturais acreditados como ao público non profesional. Así mesmo, os profesionais asistentes –para os que o prazo de inscrición se abrirá proximamente a través do mesmo web– terán a oportunidade de coñecer de primeira man diferentes proxectos nos que están a traballar compañías galegas, que lles serán presentados na xa habitual sesión de pitching.

A pasada edición deste mercado serviu de escaparate para a compra-venda de montaxes escénicas diante de preto de 200 axentes culturais, entre os que se atopaban programadores de espazos escénicos públicos e privados, de festivais e representantes de compañías e empresas distribuidoras. Ademais, os espectadores non acreditados tiveron a oportunidade de asistir de xeito gratuíto ás 19 funcións programadas (17 galegas e dúas en intercambio coa MADferia de Madrid) ata completar a capacidade dos espazos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

theatre1179752 |

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, por Carlos Santiago

MiteuVigo2019 |

Comeza a XXI Mostra de Teatro Universitario de Vigo